Hai vida máis alá das galerías na mina da Penouta, en Viana do Bolo. O recinto, explotado pola empresa Strategic Minerals, foi o campo de probas do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) durante o último ano, nun proxecto conxunto coa propietaria das instalacións enfocado a recuperar estaño das escombreiras e extraer, da escoria resultante, dous dos metais máis apreciados pola industria tecnolóxica: o niobio e o tántalo. Da súa combinación resulta o coñecido como coltán, clave para a fabricación de teléfonos móbiles.
A extracción de coltán na Penouta non é nova, pero si o é o proceso recén desenvolto. Elena Terrón, responsable de comunicación de Strategic Minerals, explica que agora ábrense dúas vías de traballo: localizar primeiro o estaño e, a continuación, separar o niobio e o tántalo. «Ambos veñen unidos», explica. Durante o 2019, realizouse o estudo para comprobar se era factible. Da Penouta, por exemplo, exportan mineral a países de Europa como Alemana, pero tamén a China, un dos principais produtores e, paradoxicamente, tamén importador.
Nos últimos anos, o coltán estivo baixo o punto de mira de Europa, América e Asia pola súa extracción en países do centro de África. Na República Democrática del Congo constatouse a explotación de menores en minas produtoras, o que agora motivou, en certa forma, que as empresas interesadas no mineral aposten por zonas coa certificación ‘conflict-free‘. A Penouta é unha delas. «A única a nivel europeo», di Terrón. E neste senso, países como Rusia e Australia son competidoras.
«Desde que a empresa mineira renovou a actividade hai uns meses, estanse procesando as balsas e escombreiras da antiga mina e estase iniciando a explotación do xacemento a ceo aberto, de onde se extraen estaño, tántalo e niobio, e adicionalmente cuarzo, feldespato e mica», engade Francisco Polonio, director de Strategic Minerals. No CSIC estiman que a vida útil da mina alcanzaría dos 35 aos 40 anos como mínimo.
Juan Ramón Vidal Romaní, xeólogo, catedrático e profesor emérito na Universidade da Coruña, estima que as intervencións na Penouta «son pequenas operacións para ter un rendemento económico, pero testemuñais en relación a cando se explotaba a mina». Viana do Bolo, pola súa situación xeográfica, está nunha zona clave polo choque de placas que derivou no Macizo Galaico-Leonés. E en certa maneira, isto é o que explica que a rexión sexa tan rica en variedade de minerais. «É un dos lugares de Galicia onde máis se erosionou a terra por ese choque. E os granitos quedaron expostos en superficie, de aí que sexa fácil atopalos. Seguramente no interior da terra haxa máis», indica Romaní.
O profesor insta, neste senso, a non pensar nun bum de explotación mineira, «porque isto non quere dicir que haxa unha nova mina, senón é un plan para sacar partido ao material que hai nas escombreiras». Ao estar a roca desfeita, implicaría un traballo máis accesible e evitaría o traballo nas galerías. E aínda así, seguiría estando a anos luz da produción que hai noutros países do globo. «Hai máis sitios de Europa onde existe o coltán, pero non se explota, e nalgúns casos, falamos de zonas onde se está ao borde do rendible. Con todo, o traballo nas minas está actualmente moi tecnificado», determina.
Romaní contempla un escenario enfocado a traballos de rendemento rápido. «Antaño, como pasaba en moitas minas, intentábase sacar a maior cantidade posible de mineral da forma máis rápida», di. O coltán, como tal, xa era coñecido nos anos de vertixe da Penouta, entre os 70 e80. «Agora está de moda chamar a todo polas siglas, pero por aquel entón xa se sabía da súa existencia», concreta. E agrega: «Estas operacións, aínda que teñan unha importancia económica, son para empresas pequenas sen grandes desembolsos».
Fonte: La Voz de Galicia