O Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia (LOMG), dependente da Consellaría de Innovación e Industria, está a levar a cabo un proxecto de I+D+i que lle permitirá desenvolver e dotarse da tecnoloxía necesaria para verificar no futuro os radares móbiles de tráfico. A tecnoloxía empregada baséase na combinación de GPS, visión artificial e comunicación bluetooth. O centro, localizado no recinto da Tecnópole (San Cibrao das Viñas, Ourense), iniciou tamén un proxecto de investigación para mellorar a súa capacidade de calibración de instrumentos de medición dimensional utilizados habitualmente pola industria.
Ambos os dous proxectos están financiados mediante os programas sectoriais de investigación aplicada do Plan IN.CI.TE da Consellaría de Innovación e Industria, cunha dotación total de 265.000 euros.
O obxectivo do proxecto relativo aos radares de tráfico é o deseño e construción dun sistema que permitirá nun futuro verificar os cinemómetros, coñecidos comunmente como velocímetros, de xeito que se poida comprobar a eficacia do radar cando mide a velocidade dun automóbil. Para acadalo, efectuaranse comparacións entre as medicións reflectidas polos cinemómetros e as realizadas mediante tecnoloxía GPS, a mesma que se utiliza para os navegadores. A lectura dos displays farase mediante visión artificial, mentres que a comunicación entre os diferentes módulos se fará empregando comunicación bluetooth.
Nesta iniciativa de I+D colaboran co LOMG un grupo de investigación de Enxeñería de Telecomunicacións da Universidade de Vigo e a empresa Noventia Ingenieros.
Incremento da capacidade de medida
O outro proxecto que está a desenvolver o Laboratorio pretende mellorar as técnicas habituais de calibración de bloques patrón lonxitudinais. Un bloque patrón lonxitudinal é unha materialización dunha determinada lonxitude e serve, entre outras cousas, para calibrar pés de rei, micrómetros e outros aparellos de medición dimensional moi usados na industria.
Dado que estes patróns necesitan ser calibrados con moita precisión, os investigadores do Laboratorio de Metroloxía traballarán na optimización dos denominados sistemas interferométricos, métodos de alta sensibilidade para obtela.
O sistema do LOMG utilizará láseres semicondutores ultraestabilizados, un novidoso procedemento que mellorará a calidade cun menor custo. A culminación deste proxecto permitiralle ao Laboratorio ampliar nun futuro a súa oferta de servizos, repercutindo directamente no tecido industrial galego.
Neste proxecto, o Laboratorio de Metroloxía de Galicia conta coas colaboracións dos grupos de Metroloxía Óptica e Óptica Física do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, así coma da empresa ourensá Quantex.
O LOMG
O Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia é un centro tecnolóxico que colabora con outros centros, Universidades e empresas para satisfacer, de modo óptimo, as súas demandas de servizos e innovación en sistemas e procedementos de medida.
No eido dos servizos, o LOMG reúne nas súas instalacións unha ampla capacidade de medida que lle permite ofrecer servizos de calibración a un elevado número de sectores industriais.
Ademais, o centro colabora con empresas en proxectos de I+D que realicen no ámbito da medida e posúe liñas de investigación estratéxicas propias en produción industrial e nanometroloxía.