O laboratorio de biotecnoloxía do Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole inicia unha nova etapa coa instalación da sede central da empresa Akunatura en 225 dos seus 310 metros cadrados. A empresa combinará a I+D e a prestación de servizos integrais de calidade e seguridade alimentaria co asesoramento gratuíto a outras empresas e centros de coñecemento interesados en utilizar os equipamentos do laboratorio de biotecnoloxía, que continuarán accesibles no espazo reservado a este fin.
Esta infraestrutura científico-tecnolóxica naceu hai sete anos para ofrecer equipamento especializado a empresas e centros de coñecemento baixo unhas condicións de uso sen precedentes, segundo se concluíu da análise realizada sobre laboratorios destas características de todo o Estado. A instalación da nova empresa, que contará con equipos propios e poderá usar tamén os comúns, compatibilizarase co acceso por parte de empresas externas, co valor engadido do asesoramento experto prestado polos técnicos de Akunatura de xeito gratuíto.
Akunatura naceu en 2007 co obxectivo de cubrir cun catálogo de servizos integrados todas as necesidades da industria alimentaria en materia de seguridade e calidade. O laboratorio de biotecnoloxía da Tecnópole, sede central que se complementa co traballo realizado na delegación de Castela e León, é onde os seus biólogos, químicos e enxeñeiros desenvolverán dous proxectos de I+D especializados na detección de contaminantes especialmente sensibles na auga de consumo humano: os plaguicidas e os hidrocarburos aromáticos policíclicos –derivados por exemplo dos combustibles fósiles usados en transporte–, ambos os dous potencialmente canceríxenos.
Nunha segunda fase dos proxectos buscarase a aplicación destas técnicas ao estudo da influencia dos parámetros analizados en auga de consumo de granxas e o efecto que producen no crecemento animal e a calidade do produto final.
Adaptación ás normativas
Os responsables da empresa sitúan a súa vantaxe competitiva na prestación dun servizo integral que ofrece a tranquilidade de estar sempre ao tanto das continuas modificacións e actualizacións das normativas estatais e internacionais. Un exemplo é a esixencia establecida en España para que antes de finais deste ano todas as análises de auga de consumo inclúan a detección de radioactividade.
Os servizos de Akunatura, que aspira a converterse en centro de referencia no seu ámbito, cobren todas as fases da calidade e a seguridade da industria alimentaria, con análises de augas, estudos nutricionais, protocolos de manipulación para evitar a lexionela, estudos de superficies e ambientes… e tamén as análises microbiolóxicas necesarias para que calquera empresa cosmética poida sacar un novo produto ao mercado. Ademais, ocúpanse de realizar en nome dos seus clientes todos os trámites relacionados coa seguridade (como as autorizacións e os rexistros sanitarios) e asesóranos na implantación das normas con proxectos á medida.
A súa carteira de clientes está formada por empresas privadas e entidades públicas –como a Xunta de Galicia e varios concellos–. Recentemente, lograron un acordo cun grupo internacional para avalar mediante o selo Calidad Alimentaria os seus produtos en mercados europeos.
Por outra parte, na súa nova sede na Tecnópole a empresa ofrecerá cursos, seminarios e talleres sobre as últimas tendencias, equipos e protocolos en materia de seguridade e calidade, ademais de abrir as súas portas a escolares e outros colectivos cidadáns co obxectivo de divulgar a importancia destes procedementos para a saúde pública.