O investimento mundial en innovación das grandes empresas bate marcas

O investimento en innovación das grandes empresas do mundo alcanzou en 2017 o seu máximo histórico e, por primeira vez, superou os 700.000 millóns de dólares.

Así o revela o informe Global Innovation 1000, elaborado por Strategy&, a consultora estratéxica de PwC. A mala noticia é que este investimento pode estar en perigo como consecuencia do aumento do proteccionismo en todo o mundo, segundo unha enquisa que se realizou entre 562 directivos e máximos responsables de I+D de grandes compañías multinacionais, incluída no mesmo estudo.

Segundo esta sondaxe, o 52% dos entrevistados asegura que o incremento xeneralizado do proteccionismo vai ter un impacto (entre moderado ou significativo) no investimento en I+D das grandes empresas de todo o mundo nos próximos anos. Os directivos consideran que Estados Unidos, China e o Reino Unido son os tres países que están a poñer en marcha máis medidas encamiñadas a protexer as súas economías. E son, precisamente, as compañías destes tres países as que se enfrontan a maiores ameazas potenciais e onde o investimento en I+D pode poñerse en interdito.

Non obstante, hai outros países que poden saír beneficiados como Canadá (que xa se está a posicionar como unha alternativa a un incremento das barreiras comerciais en EEUU), Alemaña e Francia.

Segundo o ranking das empresas que máis diñeiro dedican a innovación no mundo, incluído no estudo, Amazon é a compañía que máis inviste en I+D e lidera, por primeira vez, esta clasificación en 2017, cun investimento de 16.100 millóns de dólares. Ségueno de Alphabet (Google), con 13.900, e Intel e Samsung, ambas as dúas con 12.700 millóns de dólares. Honda e Facebook entran, por primeira vez, entre as vinte primeiras, onde temos nove empresas tecnolóxicas e trece con sede en Estados Unidos. Por sectores, os de informática e electrónica, saúde, automoción, software e Internet son os catro que máis invisten e aglutinan o 75% do investimento total.

Neste grupo de 1000 compañías atópanse oito empresas españolas: Telefónica, Amadeus, Iberdrola, Acciona, Indra, Grifols, Abengoa e Almirall.

(Fonte: IT User)