O investimento en innovación sanitaria xera un retorno do 30%

A pasada semana presentouse en Madrid o informe “Achega de valor das tecnoloxías ao sector sanitario”, elaborado por PwC co patrocinio da multinacional alemá Siemens. O estudo analiza a contribución das tecnoloxías sanitarias no diagnóstico, tratamento e seguimento de patoloxías como cardioloxía, oncoloxía e neuroloxía, “seleccionadas polo elevado número de defuncións que provocan ao ano en España e no resto do mundo”.

Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), as enfermidades de etioloxía cardiovascular, incluíndo as cerebrovasculares, son a principal causa de morte, xa que afectan 17 millóns de persoas e son responsables do 30% das defuncións rexistradas no mundo. En Europa, a cifra é de catro millóns ao ano e, en España, a pesar de descender o número de casos de 191 a 138 por cada 100.000 entre 2001 e 2011, segue sendo a primeira causa de morte.

O informe de PwC destaca que nese descenso de mortalidade nestas enfermidades, tecnoloxías como o diagnóstico xenómico, a tomografía computerizada ou a resonancia magnética tiveron un grande efecto. “Se se ten en conta a redución da estancia hospitalaria, da taxa de morbilidade e do número de defuncións, por cada euro investido obtívose unha ganancia durante a última década de 1,47 euros”, indica o documento.

Enfermidades oncolóxicas

A consultora explica que algo similar acontece cando se observa a taxa de mortalidade en enfermidades oncolóxicas. “Se nos anos 70, 80 e 90 asistiamos a un crecemento imparable deste indicador, no 2000 comezou a apreciarse certo estancamento e, máis recentemente, un descenso desta. Neste caso, por cada euro investido en tecnoloxías sanitarias como os raios X, a medicina nuclear ou a imaxe molecular, conseguiuse un beneficio en termos de estancia hospitalaria e idade media da defunción de 1,36 euros”.

No ámbito da neuroloxía, o informe sinala que, a situación é algo distinta. Debido á diversidade de enfermidades estudadas nesta especialidade, os autores centraron a análise nas enfermidades cerebrovasculares. Unha patoloxía que, en España, podería afectar en 2050 a 1,1 millóns de cidadáns e xerar un gasto de 10.000 millóns de euros anuais, só no tratamento de persoas que sufran algún tipo de demencia. O estudo indica que este gasto podería diminuír considerablemente coa aplicación de tecnoloxías neurofisiolóxicas, telemedicina ou ultrasóns, entre outras.

“Se se ten en conta a redución da estancia hospitalaria, da taxa de morbilidade e do número de defuncións prematuras, por cada euro investido obteríase unha ganancia durante a última década de 1,11 euros”, di o documento.

(Fonte: EFE)