O innovador suxeita parafusos magnético galego lánzase no mercado europeo

O innovador suxeita parafusos magnético desenvolvido pola startup galega Micaton Ergonomics intentará conquistar o mercado europeo da bricolaxe da man da firma de distribución Venteo.

Este enxeño feito en Galicia terá a súa primeira proba de lume nunha trintena de centros comerciais de Francia, un dos oitenta países nos que traballa a citada distribuidora.

Micaton é unha iniciativa que en 2014 logrou o apoio económico da rede privada de investidores Redinvest, do Círculo de Empresarios de Galicia. Xa o ano pasado os seus impulsores presentaron o suxeita parafusos nunha feira especializada nas Vegas.

Alianza estratéxica

Luis Vaamonde, socio cofundador de Micatón, destaca, en declaracións recollidas polo Círculo de Empresarios, a importancia de pechar unha alianza estratéxica con Venteo apenas catro meses despois do lanzamento do formato comercial do suxeita parafusos magnético.

O seu socio, Michael William Pérez, abunda en que o mercado francés é “un claro referente” no mundo da bricolaxe, de aí a importancia de introducir nel o seu enxeño co obxectivo de “consolidarse e crecer”.

Trátase, en definitiva, dunha aposta pola innovación e o emprendemento alleos ao sector TIC, xa que, como aseguran os seus creadores, “hai vida” máis alá das aplicacións para dispositivos móbiles.

(Fonte: Innovamás)