O informe mundial GEM sinala as carencias da innovación en España

Segundo o Informe Mundial GEM (Global Entrepreneurship Monitor) 2016, a innovación en España sitúase en niveis moi baixos, só por enriba de países como Portugal, e por debaixo da media europea e doutras economías máis competitivas como son as de Holanda, Francia e Austria.

O informe, que se basea en entrevistas a expertos en emprendemento a nivel mundial, valora a importancia das iniciativas gobernamentais levadas a cabo en España para impulsar a actividade emprendedora, pero advirte que a falta de coordinación entre elas lles impediu ser máis eficientes.

Ademais, destaca a falta de educación emprendedora que existe en España, especialmente na etapa primaria. Para mellorar esta situación, os expertos recomendan que se introduza a actividade emprendedora como materia en todos os niveis educativos, que se realicen reformas para mellorar os trámites burocráticos e as cargas impositivas e que se fomente a transferencia do I+D ao tecido produtivo.

Segundo o GEM, existe unha clara correlación entre os países máis innovadores, que son os que máis invisten en I+D+i, e a percepción de oportunidades para emprender de forma innovadora. De aí que o grao de innovación máis alto se atope en América do Norte, cunha media do 39%, e os índices máis baixos se sitúen en África, con só un 20%.

Do informe tamén se desprende que o emprendemento está á alza en todo o mundo e que o desenvolvemento dun ecosistema emprendedor é clave para a creación de emprego, xa que, segundo os datos analizados, o 55% dos emprendedores a nivel mundial esperan crear polo menos un posto de traballo nos próximos cinco anos.

En España, non obstante, as cifras non son tan positivas, xa que o 57% dos emprendedores afirma non ter intención de contratar traballadores a curto prazo. En cambio, dos que si teñen planeado xerar emprego a partir das súas iniciativas empresariais, o 10% cre que necesitará unha media de 6 persoas para o crecemento das súas actividades no próximo lustro.

(Fonte: Cinco Días)