Segundo os últimos datos dispoñibles, o gasto en I+D executado en España en 2013 foi de 13.012 millóns de euros, o que supuxo unha caída do 2,8% respecto ao ano previo. Este investimento equivale ao 1,24% do PIB (a porcentaxe en 2012 foi do 1,27%).
“Esta caída confirma a tendencia á baixa que sufriu España dende 2009 en investimento neste sector. En cambio, outros países como Alemaña e Francia -que tamén tiveron a mesma crise- si aumentaron o investimento en I+D, unha media do 4,4% e do 2,8%, respectivamente entre 2009 e 2013,”, destacou Barrero.
O directivo sinalou que o único dato positivo é que o Goberno presupostou 6395 millóns de euros de gasto público para o ano próximo, o que supón un aumento do 4%. Non obstante, advertiu que é unha cantidade inferior aos 6928 millóns de euros investidos polo sector privado en 2013.
Década perdida
Respecto ao emprego no sector, o informe indica que en 2013 había 203.302 persoas dedicadas ás actividades de I+D a xornada completa, das cales, 123.225 eran investigadores, o 64% deles traballando no sector público e o 36%, no privado.
Estes datos -agregou- son similares aos de 2003, o cal pode traducirse como “unha década perdida en crecemento e converxencia con Europa en ciencia e tecnoloxía”.
Na súa opinión, “a I+D española non está a atravesar un bo momento. A crise segue tendo un impacto doloroso na dispoñibilidade de fondos públicos e privados para a innovación e a investigación, así como para o emprego e a creación de empresas”.
Barrero fixo un chamamento ás administracións e ao sector empresarial para que recuperen o investimento en ciencia e tecnoloxía e, con iso, a competitividade española.
(Fonte: SINC)