O Instituto Nacional de Ciberseguridad (Incibe), entidade dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, lanzou unha nova invitación pública, baixo o marco de Incibe Emprende, para o desenvolvemento de actuacións de emprendemento en ciberseguridade. Con ese obxectivo, promoverá iniciativas de impulso do emprendemento, con especial incidencia nas provincias e rexións menos desenvoltas empresarialmente no sector industrial da ciberseguridade.
Ademais, executará accións de apoio á incubación e aceleración, en función da captación, a través de programas específicos (Ciberemprende, Cybersecurity Ventures e aceleración exprés). As actividades incluirán talleres formativos, charlas e programas de desenvolvemento para dimensionar o ecosistema empresarial da ciberseguridade.
O Incibe sinala que achegará para todas as actuacións obxecto desta convocatoria 30 millóns de euros financiados con fondos europeos do Plan de Recuperación. Ditas actuacións deberán organizarse en réxime de cofinanciamento baixo a marca conxunta de Incibe e a entidade colaboradora. Neste sentido, Incibe achegará un máximo do 70% dos custos elixibles daquelas iniciativas que cumpran os requisitos desta invitación, correspondendo o 30% restante á entidade colaboradora.
O público ao que vai dirixida este convite son os entes e organismos da Administración autonómica e local, universidades e as súas fundacións, aceleradoras públicas e privadas, ou outras organizacións cuxos fins inclúan o apoio ao emprendemento. O período para levar a cabo as actuacións que participen neste programa será de catro anos (2023-2026). A convocatoria está aberta para presentar solicitudes e manterase durante 2023.
Fonte: Cinco Días