Así o indicou o director de innovación de Intel para o sur de Europa, Jorge Lang, quen matizou que esta nova era da rede que vai máis alá do ‘internet das Cousas’ non só trata de conectar sensores, senón de facer máis intelixente e segura e de dotar de capacidade de xestión e proceso a calquera tipo de fonte de información. Isto derivará en novos modelos de negocio que, segundo o director xeral de Cisco en España, José Manuel Petisco, levará consigo unha oportunidade de negocio de 14,5 billóns de euros a nivel mundial.
En España, as cifras ascenden a 106.000 millóns de dólares (uns 76.800 millóns de euros, ao cambio actual). Petisco indicou que en 2020 haberá 50.000 millóns de obxectos conectados a Internet no mundo, mentres que en 2017 cada español disporá dunha media de 3,8 dispositivos conectados. O directivo de Cisco explicou que a evolución de Internet se define por catro etapas. A inicial, de pura conectividade, dominada pola navegación e o correo electrónico; a de economía, conectada na que xurdiu o comercio electrónico; a etapa actual, denominada de ‘experiencias inmersivas’ onde existen a nube, as aplicacións e as redes sociais; e unha cuarta, chamada o Internet de Todas as Cousas. Esta etapa, inminente, estará caracterizada pola conexión non só de dispositivos e sensores, tamén do propio ser humano.
E xerará novos modelos de negocio, con aplicacións na industria, a enerxía, a medicina, as cidades intelixentes ou o fogar conectado. “As regras de xogo cambiaron e van estar a cambiar constantemente. Nada vai ser igual que antes”, sentenciou Petisco.
(Fonte: EFE)