O I Encontro Bilateral entre empresas de Tecnópole e do Norte de Portugal terá lugar o 27 de abril

O I Encontro Bilateral entre empresas de Tecnópole e do Norte de Portugal celebrarase o 27 de abril nas instalacións do Parque Tecnolóxico de Galicia, en Ourense. O proceso de inscrición está aberto ata o luns 19 de abril.

A xornada comezará cunha apertura institucional e unha presentación sobre Tecnópole e as políticas de innovación da Xunta de Galicia a cargo do director xeral de I+D+I, Ricardo Capilla. A continuación, impartirase un relatorio sobre as oportunidades de negocio na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Posteriormente, celebraranse tres mesas de traballo paralelas sobre as oportunidades de negocio conxuntas nos tres sectores de referencia en Tecnópole: enerxías renovables, biotecnoloxía e tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC).

Despois dunha comida de confraternización terán lugar reunións de traballo de intercambio de oferta e demanda entre empresas organizadas en función dos intereses expresados por elas no proceso de inscrición. A xornada rematará cunha conferencia de clausura a cargo da Cámara de Comercio Hispano-Lusa.

Inscrición

As empresas interesadas en participar poden inscribirse cubrindo un sinxelo formulario.

Este encontro é produto do compromiso adquirido por Tecnópole coa Cámara Hispano-Portuguesa de Comercio e Industria a raíz da visita que os seus representantes realizaron ao recinto o pasado mes de febreiro.

O principal obxectivo do encontro de traballo é promover o establecemento de lazos de cooperación empresarial no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, coa prioridade de responder ás demandas reais dos participantes.

As empresas que manifestaron o seu interese en interaccionar co tecido produtivo innovador galego son as establecidas en Avepark e Tecmaia e as asociadas á Cámara Hispano-Portuguesa.