O I Encontro Bilateral entre Empresas de Galicia e o Norte de Portugal reunirá a 28 entidades da Eurorrexión na Tecnópole

O I Encontro Bilateral entre Empresas de Galicia e o Norte de Portugal que organiza a Tecnópole reunirá a 51 representantes de 28 empresas, centros tecnolóxicos e asociacións empresariais da Eurorrexión mañá martes día 27 nas instalacións do Parque Tecnolóxico no concello ourensán de San Cibrao das Viñas.

O encontro foi deseñado como unha xornada de traballo na que as exposicións se combinarán con mesas sectoriais e reunións empresariais organizadas en función dos intereses manifestados polos participantes arredor da súa oferta e demanda tecnolóxicas.

Da parte galega asistirán nove empresas situadas na Tecnópole, tres centros tecnolóxicos, a entidade BIC-Galicia e a unidade de negocio de Banco Santander en Galicia. Desde Portugal virán a Associaçao Empresarial de Amarante e 13 empresas, algunhas delas procedentes de Tecmaia (Parque de Ciência e Tecnologia da Maia) e Avepark (Parque de Ciência e Tecnologia de Guimãraes).

A xornada comezará cunha apertura institucional e unha presentación sobre Tecnópole e as políticas de innovación da Xunta de Galicia a cargo do director xeral de I+D+I da Consellería de Economía e Industria, Ricardo Capilla. A continuación, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) impartirá un relatorio sobre as oportunidades de financiamento de proxectos empresariais conxuntos.

Posteriormente, celebraranse tres mesas de traballo paralelas sobre as oportunidades de negocio conxuntas en tres sectores estratéxicos para o desenvolvemento económico da Eurorrexión: enerxías renovables, biotecnoloxía e tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC). Todas as entidades participantes desenvolven a súa actividade principal nun destes tres sectores, aínda que algunha delas terá representación en varias mesas á vez por estar a levar a cabo proxectos que implican de forma conxunta á biotecnoloxía ou ás enerxías renovables e ás TIC.

Despois dunha comida de confraternización terán lugar reunións de traballo de intercambio de oferta e demanda entre empresas organizadas en función dos intereses expresados por elas no proceso de inscrición. A xornada rematará cunha conferencia de clausura a cargo da Cámara de Comercio Hispano-Lusa na que se explicarán os retos da biotecnoloxía na Península Ibérica.

Este encontro é produto do compromiso adquirido por Tecnópole coa Cámara Hispano-Portuguesa de Comercio e Industria a raíz da visita que os seus representantes realizaron ao recinto o pasado mes de febreiro.