O hotel do futuro: espellos intelixentes, robots e cuartos personalizados

Robots repartidos polo hotel, espellos intelixentes capaces de recoñecer emocións ou unha televisión invisible. O hotel do futuro presentouse na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que este ano contou con 886 expositores titulares e máis de 10.487 empresas de 165 países e rexións.

Como en edicións anteriores, a tecnoloxía tivo un papel protagonista con FiturtechY, un espazo organizado por Fitur e o Instituto Tecnolóxico Europeo (ITH) con máis de 2000 metros cadrados de innovación. Pero a tecnoloxía que se mostrou este ano vai un paso máis alá. “Nesta edición queremos falar de emocións. Grazas a tecnoloxías como a intelixencia artificial ou o recoñecemento facial é posible coñecer as emocións do cliente, e baseándose niso proporcionar servizos completamente personalizados”, afirma Álvaro Carrillo, director xeral de ITH.

O uso da tecnoloxía para coñecer máis o cliente demostrouse no #techYhotel, un espazo que simula o lobby e o cuarto dun hotel para ver e experimentar o uso e implementación de ferramentas innovadoras.

“Neste establecemento queremos mostrar tecnoloxías que xa existen e que permiten facilitar a estancia no hotel, incluíndo robots cos que facer meditación ou un espello capaz de recoñecer cando os clientes están enfadados”, explica Carlos Domínguez, responsable de novas tecnoloxías e operacións hoteleiras de ITH.

O #techYhotel

No #techYhotel participan compañías como HP, IBM, Philips ou Alisys, entre outras moitas. Por exemplo, grazas á empresa Chapp Solutions, o propio cliente pode xestionar o seu rexistro no hotel en menos de 30 segundos, podendo elixir calquera tipo de dispositivo para abrir a porta, tanto con tarxeta, cun código, un smartphone ou unha pulseira intelixente que permite o acceso a diferentes espazos do hotel e mesmo reservar algúns servizos. Outra opción de check-in proporciónaa HP cun TPV táctil que poderá utilizarse dende o móbil xa que ten un lector de DNI e pasaporte integrado.

Os espellos intelixentes son a tecnoloxía que máis chama a atención. Nada máis entrar ao hotel, o cliente pode interactuar co espello cognitivo interactivo de IBM que actúa como conserxe e dá información sobre o destino. No cuarto, o espello da compañía Altran permite detectar as emocións do cliente e ofrecerlle servizos do hotel. Ademais, contrasta a roupa e relaciónaa co tempo que fai e así, ofrece consellos prácticos. “Colocado na recepción, este dispositivo pode detectar, por exemplo, cando a xente está enfadada facendo a cola para rexistrarse, o que advertiría ao persoal para que buscase unha solución”, engade Domínguez.

Detrás do espello, Cerium esconderá a televisión, que é interactiva e só aparece no momento en que se acende. O usuario poderá ver nela os contidos que teña contratados dende os seus dispositivos, como Netflix ou calquera aplicación, sen necesidade de cables.

Repartidos por todo o espazo, seis robots da empresa Alisys proporcionarán aos asistentes unha mostra de como a robótica social e a intelixencia artificial poden axudar a elevar a un plano emocional as relacións entre persoas e tecnoloxía. Ademais de coñecer as emocións, o hotel será capaz de saber mesmo como durmiu o seu cliente grazas ao colchón intelixente SmartP!k de Pikolin, capaz de analizar o sono.

A climatización intelixente, a iluminación acorde co estado de ánimo do usuario ou as clases de ioga impartidas polo robot Nao, son só outros exemplos deste futuro turístico.

(Fonte: Expansión)