O grupo Coren conseguiu reducir as súas emisións nun 45% nos últimos cinco anos, por enriba da media española, que se sitúa nun 38%. A cooperativa ourensá contribúe tamén á posta en valor do medio rural, onde recuperou 7500 hectáreas de terreo para a crianza en extensivo de animais e o cultivo de cereais, ademais de impulsar a recuperación dos bosques de castiñeiros para alimentar á súa gama Selecta.
Coa sustentabilidade e o respecto polo medio ambiente como alicerces fundamentais da súa política de responsabilidade social, o Grupo Coren fomenta un modelo de produción responsable e eficiente co que avanza firme no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030 e o Acordo do Clima de París, promovidos pola ONU.
O grupo impulsa prácticas sustentables orientadas á modernización enerxética, a redución de emisións ou a xestión eficiente dos recursos, nas que investiu case 40 millóns de euros. Como empresa comprometida co medio ambiente, o Grupo Coren comezou tempo atrás a transición cara a fontes de enerxía limpas. Nos últimos anos destinou dous millóns de euros a investimentos en eficiencia enerxética e, só nas súas granxas, o investimento en fotovoltaica e biomasa ascende a case tres millóns de euros. Ademais, ao longo dw 2021, os socios de Coren incrementarán nun 40% a instalación de sistemas fotovoltaicos de autoconsumo nas súas explotacións.
A cooperativa galega tamén promoveu o seu Centro Tecnolóxico Ambiental da Limia, unha planta pioneira en Europa que ten como obxectivo eliminar os residuos gandeiros da zona e na que investiu 22 millóns de euros. Desde entón, non deixou de avanzar no seu camiño cara á sustentabilidade, impulsando proxectos de gran calado no tratamento e valorización de residuos como a súa Planta de Enerxía Renovable para o tratamento de biomasa gandeira, actualmente en fase de ampliación, cun desembolso global de 6,5 millóns de euros, ou a Planta de Biometanización para a xeración de biogás -pioneira no sector en España-, na que investiu 3,5 millóns. E ten reservados tamén 2,5 millóns para un novo proxecto de transformación de biogás en dióxido de carbono para a industria e en biometano.
Fonte: La Voz de Galicia