O Grupo Coren inicia en Lugo a plantación de cereais ecolóxicos

O Grupo Coren iniciou o pasado mes de abril un proxecto pioneiro en Galicia de cultivo de cereais ecolóxicos, co obxectivo de destinalos á alimentación das súas producións con certificación ecolóxica. A iniciativa forma parte dos proxectos ambientais que promove a cooperativa presidida por Manuel Gómez-Franqueira seguindo os modelos de sustentabilidade que son recoñecidos por asociacións ecoloxistas de ámbito nacional e internacional.

A primeira sementeira, que culminou a principios deste mes, realizouse nunha parcela de 50 hectáreas situada no monte comunal de Pombeiro, no municipio de Ferreira de Pantón (Lugo). Para iso, recuperou parcelas que se atopaban en situación de abandono e nas que proliferaba a maleza, iniciando un plan de recuperación do terreo para adaptalo á sementeira.

Así, a cooperativa considera alcanzar unha produción de 70.000 quilos de trigo de primavera. A próxima tempada está prevista a de cereal de inverno, cunha produción estimada de 125.000 quilos. As parcelas contan coa certificación do consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

Con este proxecto, Coren iníciase no cultivo de cereais ecolóxicos, que pretende estender a outras zonas da comunidade, para o que está a buscar parcelas que se poidan destinar a estes cultivos, co fin de cubrir a demanda de cereais de alimento para as súas producións ecolóxicas.

De feito, os cereais procedentes destes cultivos destinaranse á alimentación dos animais criados con certificación ecolóxica de Coren, en concreto o polo ecolóxico, as galiñas poñedoras de ovos ecolóxicos, o porco ecolóxico e a tenreira galega ecolóxica, cuxa produción está amparada polo consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia. Trátase de producións que Coren está a potenciar, atendendo así a demanda dos consumidores que cada vez solicitan máis alimentos con certificación ecolóxica.

Estas iniciativas contribúen a xerar riqueza nas zonas rurais de Galicia, ao poñer en valor terreos antes abandonados, ademais de protexer o medio. Deste modo, o Grupo Coren continúa dinamizando o campo galego a través das súas iniciativas e proxectos de I+D, situando a agroalimentación galega na vangarda do sector.

(Fonte: Faro de Vigo)