Galicia disporá dun acordo marco para seleccionar a provedores de tecnoloxías disruptivas, aos que poderán recorrer todos os departamentos da Administración Xeral da Comunidade Autónoma e as entidades públicas. O texto aprobado establece as bases para o acordo marco de servizos de desenvolvemento e implantación de solucións dixitais que impliquen a introdución de Tecnoloxías que marquen un punto de inflexión (as chamadas disruptivas, entre as que se atopan o Big Data, a virtualización, a computación na nube, a ciberseguridade, a Realidad Virtual e Aumentada, a 5G, a cadea de bloques…) no ámbito do sector público autonómico.
O acordo marco permitirá a contratación de servizos por un importe global estimado de 30 millóns de euros. Cada un dos contratos terá un valor mínimo de 1 millón de euros e contará cunha fase de proba e demostración e outra de implantación, unha vez demostrada a súa viabilidade. Poderán formar parte deste acordo un máximo de 10 empresas ou consorcios de empresas.
Os retos aos que deberán dar resposta os contratos amparados neste acordo marco serán identificados e concretados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Deberán axustarse a algún dos ámbitos que definen os sete eixos da Estratexia Galicia Dixital 2030: Goberno e Administración Intelixentes; Sociedade Dixital e Inclusiva, Contorna Dixital para a Saúde e o Benestar Social; Territorio Intelixente, Verde e Resiliente; Conectividade Dixital do Territorio: Cultura e Turismo Intelixentes ou Economía Dixital e Sustentable.
Fonte: Código Cero