O Goberno incrementará a medición do impacto científico, social e económico das axudas á I+D+i

O Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo e o Ministerio de Economía e Competitividade asinaron un acordo para mellorar a medición do impacto científico, social e económico das axudas publicas á I+D+i.

Segundo informaron ambos os dous departamentos, o obxectivo do convenio é aumentar o impacto das actuacións financiadas polos ministerios e intensificar a cooperación e a coordinación entre ambas as dúas partes.

O secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, Víctor Calvo-Sotelo, e a secretaria de Estado de I+D+i, Carmen Vela, foron os encargados de asinar o acordo, que supón unha ampliación do convenio marco subscrito en outubro de 2014.

“Esta sinatura é un paso importante para lograr un seguimento eficaz e unha avaliación acertada dos resultados de I+D+i, o que permitirá ás administracións apoiar unha política baseada na evidencia”, apuntan os ministerios.

Unha das recomendacións do panel de expertos que avaliaron o sistema español de I+D+i, o chamado “Erac Peer Review”, era precisamente a de establecer unha sólida cultura da avaliación e de contar con información abondo para avaliar os obxectivos iniciais, a calidade da xestión e o impacto das actuacións.

En consecuencia, esta iniciativa ten como obxecto mellorar a planificación dos instrumentos, optimizar os procesos de xestión das axudas publicas á I+D+i -en especial as dirixidas ao sector das TIC- e impulsar o desenvolvemento de ferramentas para a avaliacion (ex ante e ex post), o seguimento e a medición do impacto científico, social e económico das axudas publicas.

As accións que contempla este acordo son: o intercambio de información, ex ante e ex post, sobre boas practicas nas actividades de financiamento, na xestión e seguimento de axudas; o desenvolvemento conxunto dun ámbito tecnoloxicamente avanzado para a mutua colaboración nos procesos de avaliación dos proxectos de I+D+i; e a explotación conxunta de potenciais aplicacións de ferramentas tecnolóxicas para facilitar a translación da excelencia investigadora de España á industria, co obxectivo de impulsar a circulación de coñecemento, especialmente no ámbito TIC.

(Fonte: Europa Press)