Precipita permitirá á comunidade científica dar a coñecer os seus proxectos de investigación e divulgación para que a sociedade os valore e poida participar neles a través de microdoazóns.
Na súa intervención, Carmen Vela, recordou que o financiamento colectivo ou “crowdfunding” é unha práctica moi ben entendida noutros países, sobre todo anglosaxóns. Países punteiros en I+D+i, como o Reino Unido, teñen unha ampla tradición neste tipo de colaboración privada onde as achegas individuais á ciencia son nove veces maiores que no noso país.
O director xeral de Fecyt, José Ignacio Fernández Vera, dixo que Precipita é “un instrumento esencial para mellorar a comunicación dos científicos co ámbito máis próximo, conseguindo facer tanxible o valor da súa investigación e garantindo un efecto maior na sociedade”.
Precipita admite proxectos de todas as disciplinas: Agricultura, Bioloxía, Biomedicina, Tecnoloxía de Materiais, Ciencias da Computación e Tecnoloxía Informática, Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Ciencias da Terra, Ciencias Sociais, Física e Ciencias do Espazo, Enxeñería Eléctrica, Electrónica e Automática, Enxeñería Mecánica, Naval e Aeronáutica, Matemáticas, Medicina, Química e Tecnoloxía Electrónica e de Comunicacións.
Actualmente, a plataforma conta con doce proxectos (9 de investigación e 3 de divulgación), que abordan, dende o método de detección precoz do VIH en nenos menores de 18 meses ao desenvolvemento dun videoxogo de estimulación cognitiva accesible a persoas con discapacidade intelectual, ou a detección e seguimento do cancro cerebral máis común e daniño, entre outros.
Para ser financiados, os proxectos deben cumprir uns requisitos establecidos por Fecyt para garantir a rigorosidade e idoneidade. Así, só recibirán o diñeiro -ata un máximo de 25.000 euros- se chegan ao seu obxectivo mínimo de financiamento nun período de 90 días, e se pasado este tempo o proxecto non alcanza o obxectivo establecido, devolverase o importe íntegro da doazón.
Con cada achega recibirase unha recompensa individual, en agradecemento á colaboración, que varía en función da cantidade económica que se achegue.
As recompensas poden ser tanxibles (un obxecto relacionado co proxecto, unha publicación, etc) ou intanxibles (agradecemento personalizado, visitas ao centro de investigación, participación nas actividades de divulgación, convite a conferencias, etc).
(Fonte: Innovaticias)