O gasto en innovación biotecnolóxica medra un 8%

O sector biotecnolóxico galego é un dos que máis crecemento presenta nos últimos anos. En 2019, Galicia foi, só por detrás de Euskadi, o territorio no que máis empresas de base biotecnolóxica se crearon, mais o investimento en I+D+i parece ser aínda unha materia pendente.

Así se reflicte nos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que sitúan a partida de gasto en I+D en biotecnoloxía en Galicia en 92,6 millóns de euros en 2019, o que supón un 8% máis que o ano anterior. Con todo, este incremento está por baixo da media de territorios do Estado español, que rexistrou no mesmo período un avance de 14,4%, seis puntos máis que no caso galego, até situar o investimento total en 2.040 millóns de euros.

Pese a que en aumento de número de empresas Galicia está á cabeza do Estado español, non acontece o mesmo no investimento en I+D. A aposta pola innovación dista moito de ser a ideal, até o punto de que en conxunto non representa nin o 1% do Produto Interior Bruto (PIB) galego. En materia biotecnolóxica, o gasto galego en I+D supón o 4,5% do total español, o que sitúa a Galicia como o sexto territorio, por detrás de Cataluña, con 601,6 millóns (29,5%) e Madrid, con 560,6 millóns (27,5%).

Os datos publicados polo INE tamén revelan que do total de gasto en I+D biotecnolóxico en Galicia, que ascende a 92,6 millóns de euros, 27,6 millóns corresponden a investimentos realizados desde as empresas, mentres que os 65 millóns de euros restantes proveñen doutros ámbitos, como o sector público e institucións.

Fonte: Nós Diario