O futuro dos drones, ao descuberto no próximo almorzo tecnolóxico

Os avións non tripulados, tamén coñecidos como drones, serán os protagonistas do próximo almorzo tecnolóxico de Tecnópole, que terá lugar o próximo 19 de outubro. As empresas situadas no Parque Tecnolóxico de Galicia e tamén ás do Polígono de San Cibrao das Viñas están convocadas a esta cita, co obxectivo de que intercambien coñecemento e oportunidades de negocio.
 
O almorzo organizado por Tecnópole, que terá lugar entre as 9.30 e as 10.30 horas na terceira planta do Edificio CEI de Tecnópole, xa está aberto á inscrición.

Baixo o título “Os usos que esperamos para os drones”, Emilio Aguete, responsable de formación da empresa Aerocámaras, exporá as características, funcións e modelos máis actuais dos vehículos aéreos non tripulados. Ademais, detallará a multitude de aplicacións que se están desenvolvendo neste ámbito para tarefas de rescate, vixilancia, seguridade, servizo comercial, comunicación e emerxencias forestais ou no mar, entre outras. Durante a súa charla, abordará tamén o período de transición que se está producindo a nivel normativo para adaptar as leis ao futuro dun sector chamado a ter unha presenza moi relevante a nivel transversal.

Emilio Aguete é piloto, bombeiro e responsable da área de formación da firma Aerocámaras, con sede en Lalín (Pontevedra). A empresa é pioneira en solucións integrais con drones, grazas a un equipo multidisciplinar integrado por pilotos de aviación civil, enxeñeiros, programadores e profesionais do sector audiovisual, capaces de dar resposta a unha demanda crecente en sectores tan diversos como a publicidade, o cine, a topografía, o transporte e as emerxencias.

(Fonte: Tecnópole)