Investigadores da Universitat Politècnica de València (UPV), pertencentes ao Instituto de Ciencia y Tecnología del Hormigón (ICITECH), obtiveron por primeira vez a nivel mundial un formigón celular (HCT) lixeiro e illante no que o 85% dos materiais son residuos. Para a súa fabricación empréganse papel de aluminio doméstico, cinzas de casca de arroz e residuos procedentes da fabricación de ferro en altos fornos ou da obtención de combustibles.
Trátase dun material cuxa pegada de carbono, e polo tanto as súas implicacións en termos de efecto invernadoiro, é tan só do 22% con respecto á dos actuais formigóns celulares. Ou o que é o mesmo, o proceso para a súa obtención xera arredor dun 78% menos de emisións contaminantes. Todo iso convérteno no formigón celular máis ecolóxico obtido ata a data a nivel internacional. O traballo dos investigadores da UPV foi publicado na revista Green Chemistry.
“O formigón convencional é o material de construción con maior demanda e emprego indiscriminado. O formigón celular (HCT) preséntase como unha alternativa sustentable que reduce o volume de material necesario e, polo tanto, o custo das construcións. Ademais, aumenta a eficiencia enerxética por ser un material illante”, explica Alba Font, do grupo de Investigación en Química dos Materiais de Construción (GIQUIMA) do ICITECH-UPV.
Catro materiais
Neste novo formigón celular, como precursor, os investigadores utilizaron escoura de alto forno -residuo do proceso de fabricación do ferro en alto forno- así como residuos do catalizador utilizado no crácking catalítico para a obtención de combustibles. “O precursor o que fai é substituír o cemento comercial; utilizar este tipo de materiais contribúe a diminuír a emisión de gases de efecto invernadoiro propias da obtención do Clinker, segundo Jordi Payá, tamén do grupo de Investigación en Química dos Materiais de Construción (GIQUIMA) do ICITECH-UPV.
Como parte do activador químico, substituíron parcialmente o reactivo químico de síntese convencional -os seus inconvenientes son unha elevada pegada de carbono e un prezo elevado- pola cinza de casca de arroz;
E, por último, en lugar de utilizar aluminio en po metálico como aireante, substituírono polo papel aluminio doméstico reciclado. “O aluminio metálico reacciona no medio básico xerando hidróxeno molecular, que escapa da matriz do material en estado fresco, deixando unha estrutura interna repleta de micro-burbullas de aire, o que lle confire ao material unha moi baixa densidade”, explica Jordi Payá.
Proceso de fabricación máis sustentable e validación
Ademais, o proceso de fabricación do formigón que obtiveron os investigadores da UPV destaca tamén polo seu aforro enerxético respecto a outros formigóns. “Isto débese a que a moenda do aluminio reciclado se realiza á vez que a moenda do precursor; e o curado do material lévase a cabo en condicións de temperatura ambiente sen que sexa necesario o proceso de autoclave tradicional”, engade José Monzó, do grupo de Investigación en Química dos Materiais de Construción (GIQUIMA) do ICITECH-UPV.
Os resultados dos ensaios aos que foi sometido este novo formigón demostraron que o material reúne todos os requisitos para poder ser transferido ao sector. En termos de densidade, resistencia e condutividade térmica, presenta uns valores similares aos formigóns celulares fabricados tradicionalmente con cemento Portland.
(Fonte: APTE)