O fondo Nexxus Iberia adquire unha participación da firma Aerocámaras

O crecemento exponencial da firma Aerocámaras, que cumpre tres lustros de vida en 2022, que se sitúa cada ano en taxas de crecemento por enriba do 50% e que rolda os dez millóns de vendas cativou o interese dos fondos de capital privado. As negociacións posibilitaron que un deles, Nexxus Iberia, acabe de pechar a adquisición dunha parte significativa da empresa, que nestes intres lidera no noso país o desenvolvemento, formación, vendas, xestión aeronáutica e servizos profesionais con drons.

Con este socio estratéxico, desde Aerocámaras búscase desenvolver un ambicioso plan de crecemento tanto en España como a nivel internacional, así como impulsar tamén o desembarco en Norteamérica. Nestes momentos a firma está presente en España e Portugal, pero iniciou un proceso de expansión coa adquisición de empresas do sector tanto en Estados Unidos como Latinoamérica dentro do seu proxecto de expansión internacional. Traballa en numerosos países tanto europeos como africanos e latinoamericanos para empresas de primeiro nivel como Repsol, Abertis, Acciona, Bayer ou Gamesa.

Para Jaime Pereira, fundador de Aerocámaras, a asociación con Nexxus Iberia supón «un fito clave para a nosa internacionalización en Europa e América e para manter a nosa posición de liderado como provedor de solucións 360 graos do sector dos drons» tanto en España como Portugal. Incidiu ademais en que «Aerocámaras asentou as bases e conta co equipo técnico e humano adecuado para continuar como referentes no sector; estamos máis que motivados coa entrada de Nexxus e preparados para un crecemento exponencial».

Desde o fondo de capital privado, Pablo Gallo, un dos seus socios, incidiu en que «estamos encantados de asociarnos con Aerocámaras para apoiar á empresa no seu plan de crecemento nacional e internacional». «Estamos convencidos -dixo- de que a compañía ten un posicionamento sólido nun mercado que se atopa en ebulición grazas á gran contribución do emprego de drons en novas industrias a nivel de aforro de custos, reducción de riscos laborais, mellora de prestacións e impacto ambiental».

A empresa de capital privado formalizou coa firma galega o seu noveno investimento do seu primeiro fondo, contando co asesoramento nesta transacción de V4 Financial Partners, Andersen, Deloitte, Attalea Partners e Aon. Mentres, Abanca e Cuatrecasas actuaron como asesores financeiro e legal de Aerocámaras, encargándose Tresmares de proporcionar un paquete de financiamento para a adquisición e apoio no futuro crecemento da compañía de drons.

Fonte: La Voz de Galicia