O exemplo galego de colaboración público-privada para afianzarse como líder en biotecnoloxía

O ecosistema biotecnolóxico de Galicia segue a medrar. A Comunidade Autónoma é a segunda que máis empresas creou durante o pasado exercicio (2021-2022), con nove en total. Un mérito que é maior, se cabe, tendo en conta que a rexión compite con outras con maior músculo económico e cunha arraigada tradición en emprendemento en biotecnoloxía.

Os datos aparecen no Informe Asebio 2021, elaborado pola Asociación Española de Bioempresas. O crecemento de Galicia no ámbito da biotecnoloxía vén motivado tamén polo crecemento dos chamados centros de coñecemento. Segundo os datos recompilados por Asebio dos últimos dous exercicios (2020 e 2021), marcados polo impacto da pandemia, Galicia creou en total 19 compañías biotecnolóxicas das 99 fundadas en todo o territorio nacional neses dous anos, case o 20% do total.

A presidenta do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), Carme Pampín, atribúe o dinamismo de Galicia á “colaboración público-privada e á posta en marcha da Estratexia de Consolidación do Sector Biotecnolóxico de Galicia 2021-2025”, impulsada pola Xunta a través da Axencia Galega de Innovación. Na súa opinión, os datos reflicten “o traballo e esforzo” da rexión “nun contexto moi complicado marcado pola Covid”.

O ecosistema biotecnolóxico de Galicia está integrado por 54 entidades, o 6,2% do total de empresas. É a sexta comunidade autónoma en número total de empresas biotecnolóxicas, ocupando idéntico lugar no ranking que o anou 2020, cando rexistraba un total de 46 entidades biotech, o 5,82% do total. “Desde Bioga temos un papel relevante durante os vindeiros anos para dinamizar iniciativas facilitadoras en materia de talento, transferencia de coñecemento, atracción de investimento e hibridación intersectorial”, apunta Pampín.

Obxectivo: 2030

A biotecnoloxía ocupa a primeira posición en intensidade de investimento en I+D en Galicia. Desde Asebio teñen claro que se trata dunha grande oportunidade para que o PIB da rexión siga crecendo. “A recuperación non pode facerse sen contar coas 862 compañías que forman hoxe o noso tecido innovador”, afirma Ana Polanco, presidenta de Asebio.

Para conseguir o obxectivo, Polanco asegura prioritario cumprir a ruta marcada pola Axenda 2030. “O crecemento debe ser sustentable e resiliente. E chegaremos a ese necesario destino para a nosa sociedade da man da biotecnoloxía. O sector biotecnolóxico no noso país traballa cada día para mellorar a vida das persoas e impulsar a sustentabilidade do planeta”.

Fonte: Innovaspain