O estudo sobre o iougur e o kéfir, a mochila ergonómica e a análise das areas da praia de Lagos gañan os Premios da Galiciencia 2009

Un estudo sobre o iogur e o kéfir realizado por estudantes vascos, unha mochila ergonómica deseñada por alumnos ourensáns e unha análise científica dos distintos tipos de areas que se atopan nunha pintoresca praia de Bueu (Pontevedra) elaborada por estudantes viguesas foron os gañadores dos premios da Galiciencia 2009, que quedou clausurada a primeira hora da tarde na Tecnópole –Parque Tecnolóxico de Galicia-, en Ourense.

O acto de entrega dos galardóns, ao que asistiron os 104 expositores da mostra, estivo presidido polo director xeral de I+D+I da Xunta de Galicia, Ricardo Capilla, que destacou o aumento do número de proxectos galegos sobre anteriores edicións e agradeceulle o esforzo aos estudantes que viñeron de fóra de Galicia. Capilla animou a todos os participantes a avanzar na súa faceta científica e innovadora e resaltou a necesidade de que as novas xeracións se mentalicen “da importancia da I+D+I, sobre todo da investigación aplicada, na vida cotiá”.

Os premios, entregados en tres categorías -1º ciclo da ESO, 2º ciclo da ESO e Bacharelato/FP-, foron elixidos por un xurado experto entre os 15 proxectos da provincia de Pontevedra, os 15 de Ourense, os 9 da Coruña, os 4 de Lugo, os 6 de Barcelona e un de Guipúzkoa. Todos eles estiveron expostos durante os últimos tres días no recinto da Tecnópole grazas ao patrocinio da Dirección Xeral de I+D+I da Consellería de Economía e Industria.
Os vascos, gañadores absolutos

Os estudantes do proxecto ‘Análise do iogur e do kéfir’, ademais de impoñerse na categoría Bacharelato/FP, foron os gañadores absolutos por obter a maior puntuación, polo que viaxarán con todos os gastos pagos a Barcelona para participar na vindeira edición da Exporeçerca, a feira científica análoga a Galiciencia en Cataluña.

Endika Arquero Ugarte e María Mediavilla Iglesias, de la Anunciata Ikastetxea, un centro de Guipúzkoa, estudaron o iogur e o kéfir para saber ata que punto son realmente beneficiosos os alimentos probióticos. “As análises fisicoquímicas e microbiolóxicas que realizamos demostraron que efectivamente os produtos lácteos que prometen beneficios para a flora intestinal están enriquecidos cos microorganismos que así o fan posible”, explica Endika.

Ademais, averiguaron que o kéfir (bebida láctea fermentada que ten a súa orixe no Cáucaso e que non se produce a nivel industrial, senón que é un produto caseiro) “ten efectos laxantes se se deixa fermentar 24 horas e astrinxente se a fermentación se estende ata as 48 horas”, expón María.

Das súas análises comparativas entre distintas marcas de iogures lograron identificar, a través dun método científico calificado polo xurado como “impecable”, as que teñen menos graxas e azúcares e maior valor enerxético.

A mochila ergonómica, de Ourense a Bruxelas

Os estudantes ourensáns gañadores na categoría do 2º ciclo da ESO, Álex García Tellado, Antonio Cañizo Outeiriño e Juan Mata Naranjo, traían xa un premio da Exporeçerca 2008 que os levará a Bruxelas en abril de 2010 para competir coa súa mochila ergonómica na Exposciences, a maior feira científica europea para estudantes.

Estes alumnos do Colexio Guillelme Brown tiveron a súa idea “logo dun adestramento de fútbol, agobiados polo peso que temos que soportar nas costas”, segundo relata Juan. A súa mochila ergonómica leva uns contrapesos que distribúen o peso por todo o lombo, está acolchada na parte posterior e nas asas e, nestas últimas, leva uns dispositivos de apertura para que a mochila se poida sacar sen facer esforzos nin malas posturas. Ademais, conta con reguladores para adaptarse á altura dos usuarios.

O seu prototipo foi probado ducias de veces durante os tres días que durou a Galiciencia “e todo o mundo dicía que lle resulta moito máis cómoda cá súa do cole”, explica o estudante de 3º da ESO.

As científicas máis novas

O premio ao mellor proxecto do 1º ciclo da ESO gañárono as científicas máis novas da Galiciencia, de 1º curso da ESO. Laura López Goicoa e Covadonga López Pérez, do Colexio Alborada de Vigo, fixeron un exhaustivo estudo comparativo das diferentes areas da praia de Lagos (Bueu), famosa por contar con tres zonas ben diferenciadas polo distinto tipo de area.

“Dividimos cada unha destas tres zonas noutras tres áreas e recollemos mostras para caracterizar a area por tamaño e outras variables”, explica Covadonga. O seu traballo plasmouse nunha elaborada maqueta a escala da praia na que se colocaron os distintos tipos de area tal e como están en Lagos.

“A análise das diferencias entre os tipos de area permitiunos comprobar que a erosión, a existencia cercana de rochas que exercen un efecto protector e a orientación –máis fina cara ó suroeste e máis grosa cara ó noreste- son os factores determinantes”, expón esta alumna viguesa, que coa súa compañeira Laura, combinou o traballo de campo na praia coas análises no laboratorio.

Ata o ano que vén

A maior feira científica de Galicia, ‘Galiciencia’, clausurou así a súa cuarta edición, na que alcanzou por primeira vez o medio cento de proxectos de innovación e traballos científicos defendidos por estudantes.
Xunto coa exposición de proxectos, que respostou aos obxectivos do Ano Europeo da Innovación e da Creatividade, quedaron clausuradas tamén as actividades paralelas deseñadas para conmemorar o Ano Internacional da Astronomía e o Ano Darwin.

Centos de estudantes de Primaria pasaron durante estes tres días polo planetario móbil instalado na Tecnópole para achegarlles por primeira vez os segredos das estrelas. En conmemoración do Ano Darwin celebráronse oito obradoiros sobre a evolución, nos que se lles explicaron aos rapaces as teorías de Charles Darwin.

Ademais, celebrouse un obradoiro baixo o título ‘O futuro é hoxe’, no que se lles achegaron aos visitantes os últimos avances da tecnoloxía que máis influirán na nosa vida cotiá nun futuro inmediato.

Todos os visitantes da Galiciencia tiveron ocasión tamén de asistir ás sesións de ciencia divertida impartidas polo divulgador Adolf Cortel, que repetiu éxito por terceiro ano consecutivo.

Todas as fotografías están dispoñibles na galería Flickr de Tecnópole.