O Instituto de Salud Carlos III, organismo de referencia do Ministerio de Ciencia e Innovación para a investigación sanitaria, seleccionou 18 novos proxectos do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) para os que achega un financiamento de algo máis de 2,3 millóns de euros.
A maior partida, de case 230.000 euros, é para avanzar no tratamento personalizado do cancro de endometrio con biopsia líquida, unha tecnoloxía que valora a situación do tumor a partir dunha análise de sangue.
Os 17 proxectos restantes son para outros estudos que permitan mellorar a situación de pacientes afectados de diferentes enfermidades. Hai subvención para iniciativas orientadas a menores, como a mellora do diagnóstico de ingresados en unidades de coidados intensivos neonatais, a aprendizaxe da reanimación cardiopulmonar básica e a desfibrilación precoz nas escolas ou a resistencia á insulina durante a puberdade. Tamén para avances relacionados co alcoholismo, síndrome de Lynch-like, enfermidade de párkinson, obesidade, cancro de mama, trastornos psiquiátricos, inflamación, o mal neurolóxico denominado cadasil, a síndrome coronaria aguda, a diabetes tipo 2 ou a artrite reumatoide. Só cinco non alcanzan os 100.000 euros.
O IDIS presentara 34 proxectos. «Conseguir un 52 % de éxito nunha situación tan difícil como a actual é un magnífico resultado», afirma José Castelo, director científico da entidade.
Fonte: La Voz de Galicia