O espectáculo “Cerebrum” conmemora o 20 aniversario de Galiciencia

Galiciencia conmemora este ano o seu 20 aniversario. Entre as actividades que se están a programar para celebralo, tivo lugar un espectáculo de ciencia gratuíto no Auditorio de Ourense. Dirixido ao público en xeral, reuniu a un bo número de familias e rapazada a partir de 12 anos.

O espectáculo científico “Cerebrum” é un show que permite descubrir os misterios do cerebro, unha experiencia fascinante onde a ciencia e o teatro se fusionan para explorar o órgano máis complexo do corpo humano, con experimentos en directo. Os encargados de dirixir esta experiencia foron o neurocientífico Casto Rivadulla e o actor apaixonado pola ciencia Vicente Mohedano.

No transcurso desta experiencia amosouse ao público asistente como funciona o noso cerebro, como construímos a realidade e mesmo como podemos adestrar o cerebro para superar as súas limitacións. Trátase dun show no que predomina o humor e dramatización, sen perder o rigor científico. É unha viaxe apaixonante pola mente humana, un espectáculo para aprender, sorprenderse e achegarse á neurociencia dun xeito moi ameno e divertido.

Casto Rivadulla é catedrático de Fisioloxía na Universidade da Coruña, onde coordina o grupo de Neurociencia e Control Motor (NEUROcom), ao tempo que destaca o seu labor como divulgador científico. Colabora nesta edición de Galiciencia, dedicada a “Neurociencia e saúde mental”, como asesor e tamén como coordinador do espectáculo “Cerebrum”. Estuda como funcionan as neuronas e ten traballado en proxectos para avanzar no tratamento de doenzas como o párkinson ou a epilepsia. Foi investigador na Universidade Rockefeller de Nova York e no Instituto Tecnolóxico de Massachusets (MIT). Pola súa parte, Vicente Mohedano é actor con formación en Bioloxía, especializado en divulgación científica a través do teatro, e colaborador habitual de Galiciencia, impartindo talleres para a mocidade que participa na feira cada ano.