O enorme éxito da convocatoria do primeiro campamento tecnolóxico online de Galicia, impulsado por Tecnópole, obriga a organizar unha segunda quenda

O Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- promove o primeiro campamento tecnolóxico de verán online de toda a comunidade, en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia. O T2W -Tecnópole Technological Workshops-, que ata o de agora era presencial, cumpre a súa oitava edición. As circunstancias derivadas da actual crise sanitaria levaron a redeseñar o seu desenvolvemento, adaptándoo á nova realidade que estamos a vivir.
 
O 4 de maio poñíase en marcha a convocatoria deste campamento e o día 7 xa estaban cubertas as 100 prazas dispoñibles. “Que en apenas catro días se cubriran todas as prazas ofertadas é un indicador da alta aceptación e do alto valor engadido deste tipo de actividades de difusión e desenvolvemento científico entre os máis novos” -manifesta o director xerente do Parque Tecnolóxico de Galicia, Ricardo Capilla-. Sinala que “para o Parque é un éxito enorme que nos obriga a abrir unha segunda quenda para dar cabida á demanda crecente que estamos a rexistrar desde que se comunicou a noticia ao público. Esta boa acollida énchenos de satisfacción e, sen dúbida, elevará aínda máis os xa de por si altos niveis de esixencia e calidade cos que desenvolvamos as nosas actividades”.
 
A segunda quenda deste campamento, que tamén se organizará por grupos de idade, diríxese a un máximo de 100 mozos e mozas de toda Galicia de entre 12 a 18 anos. Celebrarase do 20 ao 31 de xullo, de luns a venres, en horario de 10:00 a 13:30 horas. O prazo máximo para formalizar a inscrición será o 12 de xuño ou ata cubrir a totalidade das prazas.
 
Fonte: Tecnópole