O emprendemento pasa a ser carreira universitaria en España

Dende hai xa varios anos estase inculcando o espírito emprendedor entre os mozos españois. Para iso, estase a fomentar este espírito dende a escola, e estase a animar aos universitarios a estudar un grao sobre emprendemento para que estes poidan desenvolver novas ideas de negocio, o que se presenta como unha grande oportunidade para que os estudantes poidan evitar as futuras colas do paro.

Isto é o que conseguiu a empresa de innovación educativa “Teamlabs”, que creou unha carreira expresamente destinada ao emprendemento, co obxectivo de formar aos mozos nesta materia e que aprendan a desenvolver ideas e proxectos reais de negocio en equipo.

Esta pioneira titulación universitaria oficial en Emprendemento ofrece aos mozos a oportunidade de formarse en modernos espazos (“impact hub”) de aprendizaxe continua en Madrid e Barcelona, acudir a algunhas clases na Universidade de Mondragón (Guipúzcoa) e viaxar a cidades como San Francisco, China, India, Finlandia ou Brasil.

Tal e como destacou Jordi García, profesor asociado da Universidade de Barcelona e titor dun dos cursos, “o obxectivo é incentivar a poñer en marcha calquera iniciativa emprendedora que teñan os alumnos de grao”. Os estudantes, a través de clases semipresenciais, recibirán información, recomendacións e exemplos para ter “máis ferramentas á hora de emprender”, sinalou.

“Os rapaces apúntanse máis que as rapazas a este tipo de grao e a maioría dos proxectos xiran arredor de Internet, aínda que non faltan outros máis sinxelos e cos que tamén se factura diñeiro como é a organización dunha festa”, engadiu outro dos implicados.

Pola súa banda, o emprendemento na escola tampouco pasa desapercibido. A propia reforma educativa incluíuno na súa axenda como un tema a traballar dentro de todas as materias, especialmente en Secundaria. De feito, a Comisión de Educación do Congreso aprobou recentemente unha proposición non de lei para instar ao Goberno a fomentar o emprendemento en todos os plans de estudo dende a Primaria.

(Fonte: Innovaspain)