O efecto 2038: ¿unha catástrofe nos nosos ordenadores?

O “Efecto 2038” é un erro que, en certa medida, se parece ao do “Ano 2000” tan amentado en 1999. Este erro no tempo de codificación baseado en arquitecturas de 32 bits, podería provocar un grave fallo en todos os sistemas para xaneiro de 2038.

Aínda que era algo que xa se coñecía, en 1999 moita xente entrou en “pánico” cando as noticias e os xornais non deixaban de falar do Efecto 2000. Tamén coñecido como Y2K, este termo referíase a un bug que podería afectar aos sistemas máis antigos que codificaban o ano en dous díxitos, polo que a chegada de 2000 e os “00” adicionais se ían interpretar, segundo os máis alarmistas, como 1900 e ese feito desataría un caos informático.

Pero finalmente chegou o 1 de xaneiro de 2000 e o mundo enteiro comprobou que o problema non era tan grave nin moito menos. Os avións non caeron do ceo, nin houbo un apagamento masivo nas empresas de subministración de electricidade e en definitiva todos eses temores acumulados, pasaron a engrosar a enorme lista das lendas urbanas.

Na actualidade moitos recórdano como algo que foi realmente amplificado polos medios de comunicación e por parte do goberno que fixo unha campaña bastante esaxerada, fatalista e falta de información veraz.

Pode ser demasiado pronto para pensar niso e por esta razón, non se sabe moito do tema, pero ao igual que sucedeu co tema do “Ano 2000”, dentro de 22 anos enfrontarémonos a algo similar, un fenómeno que se coñece como o Efecto 2038.

¿Que é o Efecto 2038?

O estándar IEEE 1003, tamén coñecido como POSIX, é en realidade unha serie de normas que regulan algunhas das interfaces dos sistemas operativos e se definen para crear aplicacións multiplataforma. Entre as devanditas normas están as que se usan para medir o tempo POSIX dos sistemas de 32 bits; é dicir, o reloxo utilizado por estes sistemas.

O reloxo que teñen moitos ordenadores non é máis que un contador que se incrementa con cada segundo que pasa a partir dunha data de referencia que é o 1 de xaneiro de 1970. Deste xeito, para saber día, mes, ano, hora, minutos e segundos, realízase unha resta continua, polo que o tempo se mide como o número de segundos que pasaron dende que comezou o conteo.

O problema dos 32 bits é que ao ser un sistema binario, só se poden chegar a contar 2.147.483.648 (2 elevado á potencia 31) segundos, nin un máis, porque se rematan as posibilidades e isto representa aproximadamente uns 68 anos.

Isto quere dicir que a partir do 1 de xaneiro de 1970, que é a hora “cero”, só se lle poden sumar 2.147.483.648 segundos con signo positivo, pero cando se esgoten pasarase aos números negativos.

O cálculo exacto di que o martes 19 de xaneiro de 2038 ás 03:14:07 UTC, os ordenadores con 32 bits (ao cambiar de signo) comezarán a contar a hora 2.147.483.648 segundos antes da data de referencia, polo que saltarían ao 13 de decembro de 1901.

¿Que software e sistemas son vulnerables?

Case calquera que utilice un sistema de 32 bits, o que na actualidade abrangue dende os sistemas de transporte aos de telecomunicacións. A lista é demasiado longa para enumeralos, pero si que podería ser un grave problema, se non toman as medidas necesarias para solucionalo con anticipación.

En realidade estase a prever o tema con moito tempo e seguramente xamais se chegará a ter o problema do efecto 2038. Os avances en tecnoloxía son extremadamente rápidos e se todo se resume en cambiar de 32 a 64 bits, temos tempo de sobra para prevelo e que ninguén teña que dar un “salto no tempo” e volver ao principio do século XX.

(Fonte: Agencias)