O Edificio Tecnolóxico Aeroespacial abre as súas portas para construír un novo sector para Galicia

O Edificio Tecnolóxico Aeroespacial, impulsado polo Consorcio da Zona Franca de Vigo, foi inaugurado no Polígono de Porto do Molle, en Nigrán (Pontevedra), constituíndo o segundo polo aeroespacial de Galicia xunto ao centro de Rozas, que, segundo destacou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, conxuntamente presentan unha oportunidade para a comunidade galega de “construír un novo sector económico”.

Feijóo subliñou que este edificio tecnolóxico será un espazo para impulsar o sector aeronáutico e aeroespacial e un punto de encontro para que traballen xuntos investigadores, tecnólogos, empresas, universidades e centros de coñecemento.

O novo Edificio Tecnolóxico Aeroespacial conta con 6392 metros cadrados de espazos de coworking, salas multiúsos, oficinas e locais comerciais. Nel albérgase a Fundación Centro de Innovación Aeroespacial (Cinae) -da que son patróns a Zona Franca, a Universidade de Vigo, Airbus, Delta Vigo, o Consorcio Aeronáutico Galego e Unión de empresas galegas de aeronáutica-, un viveiro de empresas de base tecnolóxica e será sede tamén de empresas privadas.

(Fonte: Innovamás)