O director dixital de Roberto Verino explica a transformación da tenda en liña

«Antes entraba o cliente á tenda e comprabae, pero agora tes que ir buscalo á rúa máis importante do mundo, que é internet». Con esta frase resume Pablo Aranda, director dixital de Roberto Verino, o cambio de paradigma que supuxo para o sector do retail a aceleración do negocio en liña. O comercio electrónico pasou de ser un complemento para as grandes marcas a ser o seu principal eixe de crecemento.

No caso da compañía do deseñador galego ese cambio de chip produciuse no ano 2019, data desde que a tenda en liña é a que máis factura das máis de 200 que ten repartidas a firma por todo o mundo. «Agora é o normal, pero antes non o era e ademais só vende en tres países», matiza Aranda.

O director dixital de Roberto Verino expuxo as liñas mestras que levaron a ese crecemento exponencial do negocio en liña. «Todo o que facemos vai dirixido a satisfacer as necesidades do cliente», explicou antes de entrar en detalles do que a compañía do deseñador verinés ten bautizado como MyVerino, que ten tres partes: cultura, procesos e tecnoloxía. Neste último apartado explicou que é clave para o bo funcionamento do negocio dixital a regra das catro «v»: volume de datos, velocidade de procesos, variedade de formatos e valor dos datos obtidos.

Ese despegamento do negocio dixital, que se acelerou coa pandemia, tradúcese no caso de Roberto Verino nun aumento do 60% nas vendas no ano 2021 e outro máis comedido no 2022 do 38%. «O comercio dixital pasou de inimigo a aliado», concluíu.

Fonte: La Voz de Galicia