O desafío matemático de Galiciencia reta a todos os escolares de Galicia a demostrar as súas habilidades

Tecnópole adianta de novo este ano o comezo da celebración da maior feira científica de Galicia, a Galiciencia, co lanzamento dun desafío matemático que se desenvolverá en varias etapas ata o mes de novembro. “Atrévete coas matemáticas!” está aberto a escolares de Secundaria e Bacharelato de toda Galicia e constará de varias fases eliminatorias con probas a distancia, que culminarán nunha final presencial durante a Galiciencia, en Ourense.

Ata o 22 de abril, os participantes deberán realizar unha fotografía ou un vídeo sobre un número ou unha secuencia matemática famosa. Os que superen esta fase terán de prazo ata o 13 de maio para enviar a gravación en vídeo dun flexágono -obxecto plano con forma de polígono creado mediante o prego dunha peza de papel que debidamente dobrada, permite mostrar máis caras ao manipulala- construído por eles mesmos. Os que demostren máis habilidade nesta proba poderán enviar ata o 3 de xuño o resultado do último reto a distancia: a creación dun anamorfismo, a distorsión dunha imaxe utilizando métodos matemáticos e ópticos para crear no observador a ilusión dun efecto perspectiva.

Durante a última xornada de Galiciencia, que contará co patrocinio da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), terá lugar a proba final, de carácter presencial, que enfrontará os cinco equipos mellor puntuados na fase anterior.

Adestramento de habilidades

Esta iniciativa responde á vontade de Tecnópole de estender as actividades de divulgación científica ligadas a Galiciencia máis alá dos tres días que dura o evento central. En 2015, con motivo da celebración do décimo aniversario da feira, realizouse unha xira de espectáculos científicos e cursos para docentes por toda Galicia.

O concurso pretende estimular a creatividade e a curiosidade científica de escolares de centros das catro provincias. En concreto, as probas están deseñadas para cultivar o pensamento abstracto a través da xeración de imaxes a partir de conceptos matemáticos. Grazas á elaboración do flexágono e o anamorfismo aprenderán sobre a relación das matemáticas coa xeometría e a arte e, os que cheguen á final, adestrarán as súas habilidades na aplicación das matemáticas á análise e resolución de problemas.

(Fonte: Tecnópole)