O dectector de chuvia ácida das Aulas Tecnópole gaña o segundo premio do certame “Novos Investigadores 2014” do Goberno español

O sistema de detección de chuvia ácida en chans e plantas desenvolvido por tres alumnos das Aulas Tecnópole gañou o segundo premio do certame “Novos Investigadores 2014”, convocado polo Instituto da Xuventude do Goberno español. O proxecto, desenvolvido por Queila Bouza, Miguel Gómez e Jorge Cordero, fora exposto o pasado mes de maio na Intel International Sciencie and Engineering Fair de Los Ángeles (EE.UU.), unha das feiras máis grandes do mundo sobre traballos de ciencia e tecnoloxía a nivel preuniversitario, despois de ser premiado na Exporecerca.

Estes tres estudantes ourensáns foron galardoados polo seu sistema de detección de chuvia ácida en chans e plantas e os métodos para contrarrestar os seus efectos. O proxecto, que tamén participara na última edición da Galiciencia, foi desenvolvido no marco das Aulas Tecnópole, o programa de capacitación en habilidades científicas e innovadoras organizado polo Parque Tecnolóxico de Galicia coa colaboración da Consellería de Economía e Industria.

O certame “Novos Investigadores” celébrase dende hai 27 anos e nesta ocasión rexistrou o seu record de proxectos presentados, con 346 traballos de estudantes de entre 15 e 20 anos de toda España (sobre os 287 do ano 1997, a maior cifra rexistrada ata agora na historia do concurso).

Con este traballo os estudantes marcáronse como obxectivo comprobar de primeira man os efectos da chuvia ácida sobre as plantas e os chans, construír un sistema que permita detectala e verificar a efectividade dos metais de sacrifico como o magnesio para contrarrestar os seus efectos. Ademais, os alumnos perfeccionaron o seu enxeño incorporándolle un dispositivo electrónico programado mediante un medidor de pH. O seu funcionamento permite que o usuario reciba unha alerta no seu móbil, tablet ou ordenador cando detecte na chuvia un pH inferior a 5, o que representa valores asociados á chuvia ácida. Isto permitirá tomar a decisión de aplicar o magnesio aos cultivos dende o momento en que hai risco de dano e non de xeito preventivo, o que suporá un mellor control dos custos asociados a este método.

Queila, Miguel e Jorge comprobaron que o magnesio ten un alto potencial para protexer os tecidos vexetais ante os efectos da chuvia ácida evitando a degradación das súas follas e talos. Tamén constataron que cando se aplica este metal sobre un substrato, nunha cantidade de 1 gramo por metro cadrado, se evita de forma eficaz a acidificación do chan e mellora a súa fertilidade. Os ensaios para chegar a estas conclusións foron realizados ao longo de todo o último ano.

(Fonte: Tecnópole)