O dectector de chuvia ácida das Aulas Tecnópole é finalista do certame “Jóvenes Investigadores 2014” do Goberno español

O sistema de detección de chuvia ácida en solos e plantas desenvolvido por tres alumnos das Aulas Tecnópole vén de ser elixido finalista do certame “Jóvenes Investigadores 2014”, convocado polo Instituto da Xuventude do Goberno español. O proxecto, desenvolvido por Queila Bouza, Miguel Gómez e Jorge Cordero, foi exposto o pasado mes de maio na Intel International Sciencie and Engineering Fair de Los Ángeles (EE.UU.), unha das feiras máis grandes do mundo sobre traballos de ciencia e tecnoloxía a nivel preuniversitario.

Estes tres estudantes ourensáns de 2º de Bacharelato foran premiados con esta viaxe no maior certame científico escolar de España, a Exporecerca, grazas ao seu sistema de detección de chuvia ácida en solos e plantas  e os métodos para contrarrestar os seus efectos. O proxecto, que tamén participara na última edición da Galiciencia, foi desenvolvido no marco das Aulas Tecnópole, o programa de capacitación en habilidades científicas e innovadoras organizado polo Parque Tecnolóxico de Galicia e financiado pola Consellería de Economía e Industria.

O certame “Jóvenes Investigadores” celébrase desde hai 27 anos e nesta ocasión rexistrou o seu record de proxectos presentados, con 346 traballos de estudantes de entre 15 e 20 anos de toda España (sobre os 287 do ano 1997, a maior cifra rexistrada ata agora na historia do concurso). Isto incrementa o mérito dos estudantes das Aulas Tecnópole ao conseguir situarse entre os 40 proxectos seleccionados como finalistas para competir no “Congreso Jóvenes Investigadores”, que terá lugar en Madrid a finais de setembro.

Con este traballo os estudantes marcáronse como obxectivo comprobar de primeira man os efectos da chuvia ácida sobre as plantas e os solos, construír un sistema que permita detectala e verificar a efectividade dos metais de sacrifico como o magnesio para contrarrestar os seus efectos. Ademais, os alumnos perfeccionaron o seu enxeño incorporándolle un dispositivo electrónico programado mediante un medidor de pH. O seu funcionamento permite que o usuario reciba unha alerta no seu móbil, tablet ou ordenador cando detecte na chuvia un pH inferior a 5, o que representa valores asociados á chuvia ácida. Isto permitirá tomar a decisión de aplicar o magnesio aos cultivos desde o momento en que hai risco de dano e non de maneira preventiva, o que suporá un mellor control dos custos asociados a este método.

Queila, Miguel e Jorge comprobaron que o magnesio ten un alto potencial para protexer os tecidos vexetais ante os efectos da chuvia ácida evitando a degradación das súas follas e talos. Tamén constataron que cando se aplica este metal sobre un substrato, nunha cantidade de 1 gramo por metro cadrado, evítase de  forma eficaz a acidificación do solo e mellora a súa fertilidade. Os ensaios para chegar a estas conclusións foron realizados ao longo de todo o último ano.

Iniciativas de divulgación

As Aulas Tecnópole son unha iniciativa de impulso á divulgación científica do Parque Tecnolóxico de Galicia, coa colaboración da Consellería de Economía e Industria, orientada a espertar nos rapaces e rapazas a curiosidade e a inquietude que nun futuro os poden orientar cara a carreira científica ou cara actitudes e aptitudes de emprendemento innovador.

Os estudantes trasládanse unha tarde por semana durante o curso escolar ao Parque Tecnolóxico de Galicia, onde levan a cabo os seus proxectos en equipo e axudados por un equipo de formadores con ampla experiencia docente e de desenvolvemento de programas destas características. Os estudantes, todos eles de segundo ciclo de Secundaria e Bacharelato, reciben deles formación sobre as pautas que debe seguir unha investigación científica rigorosa.