O cuarto satélite da UVigo lánzase ao espazo en setembro dende India

O cuarto satélite da Universidade de Vigo, Lume 1, xa ten data e lugar de lanzamento. Partirá ao espazo en setembro deste ano dende o Centro Espacial de India (en Sriharikota, ao sueste do país) e viaxará a bordo do lanzador orbital Polar Satellite Launch Vehicle, que o ano pasado batera unha marca ao poñer en órbita 103 satélites de golpe nun só día. Este foguete mide 44 metros de alto, 2,8 metros de diámetro e peso 320 toneladas.

A empresa holandesa Innovative Space Logistics encargarase de agregar o nano satélite vigués á carga do foguete indio. A data prevista é setembro, aínda que podería variar en función do calendario dos outros satélites que viaxarán neste lanzador.

O Lume 1 forma parte do proxecto internacional FireRS, que trata de crear unha ferramenta para a detección temperá dos incendios e ofrecer información en tempo real aos servizos de emerxencia. Unha das grandes novidades é que combina o uso do picosatélite cunha frota de drons, sensores infravermellos dende terra e un centro de control para a xestión da información. Son tres socios neste proxecto internacional, que financia a UE e dotado con 2 millóns de euros. A Universidade de Vigo constrúe o satélite, as cámaras infravermellas e os terminais en terra para comunicar co satélite.

A Universidade de Oporto encárgase dos drons que levan unha cámara térmica, mentres que o Laboratorio de Análise e Arquitectura de Sistemas de Toulousse (Francia) deseña o software de simulación que permitirá con datos reais predicir cara a onde avanza o lume. Para a Agrupación Aeroespacial da UVigo é o seu cuarto satélite, tras lanzar XaTcobeo (2012), Humsat-D (2013) e Serpens (2015).

(Fonte: Atlántico)