O CTAG, premiado no Salón do Automóbil de Barcelona por un innovador proxecto sobre seguridade

O Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), Redbend e o grupo Volkswagen-Audi España foron os gañadores da décima edición dos Premios Salón Internacional do Automóbil de Barcelona en recoñecemento ás súas innovacións para mellorar a conectividade dos vehículos.

Os premios, aos que se presentaron unha trintena de candidaturas, teñen o obxectivo de facer promoción da innovación e a excelencia na industria da automoción e fomentar o desenvolvemento do automóbil como un medio de transporte eficiente, alcanzable, seguro e sustentable.

Na categoría “Car to Car”, centrada na comunicación entre vehículos para mellorar a súa seguridade, premiouse a CTAG polo seu proxecto Siscoga (Sistemas Cooperativos Galicia), un corredor de cooperación intelixente posto en marcha na área de Vigo, que se converteu nun dos lugares de ensaios de comunicación entre vehículos e vehículos e infraestrutura pioneiro en Europa.

Volkswagen-Audi España foi premiado na categoría “Car to the world” pola súa suite de aplicacións Car-Net, un conxunto de servizos móbiles online que fan que un coche estea permanente conectado ao mundo e que permite controlar as súas funcións a través dun smartphone, con funcionalidades como un sistema de información sobre tráfico en tempo real.

Na categoría “My Car”, o premiado foi a plataforma Redbend 10 da empresa de orixe israelí Redbend, que permite integrar nos automóbiles un sistema de software OTA (Over-the-air) de actualizacións remotas que posibilita a descarga e instalación de melloras nos programas informáticos do coche de forma automática.

(Fonte: Innovamás)