O CTAG participa no bus eléctrico de Castrosua

O CTAG avanza no futuro do vehículo eléctrico. Neste caso, no relacionado co transporte de pasaxeiros. O Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia colaborou no deseño de Nelec, a primeira carrozaría sobre bastidor eléctrico da empresa carroceira galega Grupo Castrosua. Os traballos do CTAG centráronse no deseño conceptual da liña exterior, do posto de condución e da zona de iluminación interior, así como no desenvolvemento 3D para a industrialización do exterior do vehículo (partes frontal e traseira do autobús).

A División de Electrónica e Sistemas Intelixentes de CTAG, especializada en definir o estilo de interiores e exteriores para automóbiles, vehículos industriais e vehículos especiais, colaborou con Castrosua nunha primeira fase no deseño conceptual e máis tarde no desenvolvemento 3D para a industrialización do exterior do autobús.

“Estamos moi orgullosos e agradecidos a Grupo Castrosua por darnos a oportunidade de participar no deseño do innovador modelo eléctrico que puxo en marcha a empresa”, indicou o director de CTAG, Luís Moreno, que cre que o Nelec “é un referente no campo da electromovilidade e da aposta pola mobilidade urbana”. Neste sentido, Moreno destacou ao “equipo de profesionais altamente especializados no ámbito do deseño” do centro tecnolóxico, “que traballa coas últimas tecnoloxías dispoñibles para ofrecer as mellores solucións a cada proxecto”.

O vehículo da carroceira galega está concibido cunha capacidade de até 34 butacas e un aforamento de até 63 persoas de pé. Ofrécese con lonxitudes que van desde os 11 metros aos 13 metros en versións de piso baixo ou Low Entry e o fabricante destaca “os numerosos sistemas de seguridade e de elementos de asistencia á condución”, ademais dos elementos para axudar a loitar contra a pandemia do coronavirus.

Por outro lado, o Nelec acaba de ser galardoado co prestixioso premio internacional de deseño Red Dot Award na categoría de deseño de produto. Considerados os Oscar do deseño, o premio recoñece a calidade e innovación de deseñadores e fabricantes na creación de novos produtos. A proposta de Castrosua era unha das 7800 propostas innovadoras, procedentes de 60 países diferentes que optaron ao premio.

Fonte: Faro de Vigo