O CSIC emprega datos de móbiles para estudar a eficacia do confinamento

Un novo proxecto do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) utiliza a computación e as técnicas de ciencia de datos para comprobar a eficacia das medidas de confinamento que se adoptaron para parar a propagación do Covid-19. Segundo o CSIC, os resultados van ser imprescindibles para mellorar as estratexias de distanciamento social que se tomen en futuros brotes desta enfermidade ou doutras futuras.

Para levar a cabo a investigación, un equipo multidisciplinar, formado por expertos en computación, demografía, física e estudo do movemento, está a analizar datos masivos e de alta resolución que se están a obter desde operadores de telefonía e servidores de mapas. Son datos que explican como cambiou a mobilidade e os contactos sociais desde que empezou o confinamento.

O proxecto está coordinado polos científicos José Javier Ramasco, do Instituto de Física de Sistemas Complejos (IFISC, centro mixto do CSIC e a Universidad de las Islas Baleares) e Frederic Bartumeus, do Centro de Estudios Avanzados de Blanes (CEAB-CSIC) e o CREAF, e conta coa participación de equipos doutros institutos científicos e universidades, entre estes, o Centro Nacional de Epidemiología-Instituto de Salud Carlos III (ISCIII).

Con toda a información reunida, o equipo simula diferentes escenarios ou estratexias de distanciamento social e axuda para a toma de decisións. Os resultados son clave tanto para decidir se se activa un confinamento máis estrito como para planificar un fin de confinamento seguro e eficaz. “Esperamos que os resultados sirvan para comprender mellor os efectos do confinamento sobre a dispersión da enfermidade, pero tamén para axudar na toma de decisións relacionadas coa revogación das medidas; para saber se é mellor rematar o confinamento de forma progresiva ou non”, explica Bartumeus.

Para chegar a este obxectivo, o proxecto inclúe varias fases que se están a realizando en paralelo. Primeiro realízase a caracterización da mobilidade a partir da achega de distintas plataformas de datos: información, por exemplo, proveniente de redes sociais online e patróns de mobilidade capturados por rexistros de telefonía móbil. Neste último caso, os datos son recollidos polas operadoras e empresas que participan no proxecto e provén ao equipo de investigación con fluxos de viaxes agregadas entre zonas. En ningún caso se accede a información individual.

Un segundo aspecto é o cambio de comportamento das persoas debido á percepción de risco, coa realización de enquisas e aplicacións móbiles para cuantificar estes cambios, tentando estimar a adherencia ás medidas de protección persoal por parte da poboación e cales son os cambios na cantidade e calidade dos contactos que se teñen. “Esta información é crucial para entender o proceso de contaxio”, indica Ramasco.

“O confinamento foi xeneralizado e relativamente súbito, pero se se deben evitar novos brotes é necesario contar con simuladores capaces de avaliar escenarios con distintos ritmos de volta á normalidade, tanto por sectores como por zonas xeográficas”, engade.

Fonte: Faro de Vigo