En Ourense, a provincia menos industrializada, no mesmo período en que o paro crecía un 10%, dende 23.400 a 25.800 persoas, ou o número de empresas diminuía en case un millar, de 24.114 a 23.228, o cooperativismo florecía. Estaban rexistradas 153 mercantís hai 6 anos. A peche de 2015 eran 182. En épocas de ERE resisten as Soc. Coop.
O sector reuniuse hai uns días para premiar as mellores iniciativas no corazón do Ribeiro, onde opera dende hai case medio século a vitivinícola “Viña Costeira”. Na actualidade a adega agrupa uns 600 produtores -cunha media dunha hectárea de cultivo por cabeza- para levar a un mercado internacional os viños máis selectos da Denominación de Orixe.
O selo ourensán serve de paradigma dun sector con 1266 iniciativas activas, que representan preto de 90.000 socios e dan emprego directo a máis de 10.000 persoas. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou o “traballo e esforzo das cooperativas por contribuír ao desenvolvemento económico e á competitividade da comunidade”.
A Xunta, que este ano prevé destinar 5,4 millóns de euros a fomentar o cooperativismo, ve no sector unha “peza clave para dinamizar e modernizar as zonas rurais”. Ademais, o conselleiro subliñou onte que “este modelo de negocio foi pioneiro en romper brechas como a de xénero, equiparando por completo os dereitos e obrigas de homes e mulleres”.
Triunfa o cooperativismo social
“O poder de actuar por un futuro sustentable” é o nome da edición de 2016 do Día do Cooperativismo. Tres sociedades constituídas neste século foron recoñecidas onte en Ribadavia. “Cidadanía, rede de aplicacións sociais”, de Santiago de Compostela, foi elixido mellor proxecto cooperativo. Constituída no ano 2000, é unha consultora cuxo obxectivo é impulsar a gobernanza participativa, unha forma innovadora de funcionamento da administración pública fomentada dende a UE.
Polos seus valores cooperativos recibiu premio “7 H”, unha cooperativa de creadores culturais que pretende a unión do sector profesional das industrias culturais e creativas en Galicia. “Ítaca Software Libre”, unha consultora informática que ofrece servizos de valor engadido con sistemas de código aberto e software libre. Os Premios á Cooperación 2016 distínguena pola súa promoción deste modelo mercantil.
A xornada anual do sector tamén recoñeceu ideas que xerminan no ámbito educativo. Recibiu premio o proxecto “Cuvegal”, desenvolvida no Centro Integrado de Formación Profesional Someso, da Coruña. Foi recoñecido como mellor proxecto empresarial cooperativo, por un traballo sobre a construción de cubertas e fachadas ecolóxicas que loiten contra a contaminación ambiental e das cidades.
Por outra parte, a iniciativa “Vigotronic”, nacida no IES Politécnico da cidade olívica, obtivo un accésit ao proxecto empresarial finalista. Cinco menores de 30 anos, titulados no FP de Grao Superior de Automatización e Robótica, e un deles enxeñeiro industrial, desenvolveron un proxecto con aplicación en pequenas e medianas empresas do sector pesqueiro para automatizar as descargas de pesca e clasificar as capturas.
O consello da Xunta aprobará este xoves un paquete de medidas de impulso á economía social. Segundo o conselleiro, o goberno autonómico está traballando na chamada Estratexia Galega de Impulso ao Cooeprativismo 2016-2020. Esta planificación inclúe 87 medidas para que as empresas gañen tamaño e poidan abrise a novos mercados. A folla de ruta pretende potenciar a competitividade e a internacionalización. “Queremos impulsar a creación de empresas cooperativas en sectores emerxentes como o Bio, o TIC, o medio ambiente ou o cultural”, completou Conde.
(Fonte: Faro de Vigo)