O conselleiro de Economía e Industria asume a presidencia do Parque Tecnolóxico de Galicia

O nomeamento de novos cargos e a aprobación de solicitudes de espazo para empresas no novo edificio Tecnópole I centraron os acordos da primeira reunión do Consello de Administración do Parque Tecnolóxico de Galicia presidida polo actual conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra. A xuntanza tivo lugar esta tarde nas instalacións da Xunta en San Caetano, en Santiago de Compostela.

Guerra asume a presidencia da entidade, mentres que o director xeral de I+D+I, Ricardo Capilla, pasa a ocupar o cargo de vicepresidente e conselleiro delegado. A substituta de Capilla, anterior director da Tecnópole, será Luisa Pena Nieto, que ata o de agora viña desempeñando a función de directora de Administración e Finanzas na entidade.

Pena Nieto (Santiago de Compostela, 1969) leva quince anos vinculada ao Parque Tecnolóxico de Galicia, no que comezou a súa carreira profesional. Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela, a nova directora da Tecnópole conta cun Máster en Recursos Humanos pola USC e a Universidad Pontificia de Comillas.

Tecnópole I

Na reunión do Consello de Administración aprobaronse tamén as solicitudes das trece primeiras empresas que pediron desenvolver a súa actividade no novo espazo de innovación multisectorial para o emprendemento do Parque Tecnolóxico de Galicia, o denominado Tecnópole I. O edificio ofrece cerca de 3000 metros cadrados para o despegue e consolidación de empresas e acolle a Lanzadeira de Empresas de Biotecnoloxía, unha sección especificamente dedicada ás iniciativas de negocio relacionadas con este sector.

Nesta última sección instalaranse cinco das trece empresas solicitantes. Trátase de Trabeculae, que terá unha área de investigación aplicada no campo da calidade ósea e outra de apoio á investigación sanitaria; Invatia Research, dedicada á I+D+I relacionada co cultivo da oliveira; NutriUp, centrada na investigación, produción e comercialización de alimentos funcionais; Soluciones Innovadoras Imasdé, do sector da biotecnoloxía aplicada á cirurxía estética: e Raisin D’Or, produtora de viño desalcolizado enriquecido con polifenois.

Algunhas destas empresas iniciaran xa a súa actividade no Centro de Innovación e Empresas, a incubadora da Tecnópole, e trasladaranse ao novo inmoble para aproveitar as infraestruturas de investigación que pon á súa disposición, concretamente un laboratorio de 310 metros cadrados equipado coas máis modernas tecnoloxías e instrumental para o desenvolvemento de actividades de I+D+i centradas no campo da biotecnoloxía.

O Consello de Administración deulle o visto bo tamén á solicitude de espazo no Tecnópole I doutras tres empresas que aproveitarán as infraestruturas de laboratorio de biotecnoloxía por desenvolver a súa actividade en sectores afíns: Laccio Consulting, dedicada á implantación de sistemas de calidade no sector agroalimentario; Formato Verde, do campo do deseño industrial aplicado ás solucións medioambientais; e Ecintec Innovación, unha nova iniciativa empresarial do sector da enxeñería electrónica para vehículos medicalizados.

No espazo de innovación multisectorial do Tecnópole I instalaranse ademais outras cinco empresas, todas elas do entorno das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC). Trátase de Esabe Informática Distribuída, de servizos de seguridade informática; Aurianet, de consultoría informática e desenvolvemento web; IDEIT, de enxeñería de software; Conexiona Telecom, de desenvolvemento de software no contorno das comunicacións e telefonía vía IP; e Enyiris, que combina a enxeñería TIC co deseño gráfico.

Á marxe do Tecnópole I, aprobouse tamén a instalación dunha nova empresa en parcela, Estética Dental López, que ten o obxectivo de crear na Tecnópole o maior  laboratorio de Galicia en investigación e creación de próteses dentais. Ademais, dúas empresas recén constituídas comezarán a súa actividade na incubadora do Parque Tecnolóxico: Aleuto Medios Dixitais, de realización de produtos audiovisuais, e Asphixia Solutions, enfocada principalmente á implantación do comercio electrónico en empresas.

Proxectos

Os membros do Consello de Administración foron informados tamén, entre outros asuntos, da participación da Tecnópole en varios proxectos de calado autonómico, estatal e europeo.

O proxecto ‘Galicia Innova’ é unha iniciativa piloto baseada no programa Redes de Innovación ao Servizo da Competitividade (RISC) da escola de negocios EOI, en colaboración coa Dirección Xeral de I+D+I da Consellería de Economía e Industria. A misión de Tecnópole é captar, diagnosticar e ofrecer ás empresas servizos para actividades de I+D+I, co fin de mellorar a súa competitividade.

No ámbito estatal, participa en dúas iniciativas a través da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE), unha para a creación dunha rede de expertos en xestión de I+D+I composta polos técnicos dos parques e outra para o desenvolvemento do programa de cooperación entre parques industriais e tecnolóxicos (COPIT).

Ademais, o Parque Tecnolóxico de Galicia iniciou este ano como xefe de fila o proxecto europeo ER-INNOVA, destinado a mellorar a competitividade das pemes enerxéticas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.