Nesta edición, 8 empresas foron elixidas para participar no encontro -ao que asistiron outros tantos fondos- con proxectos que poñen o foco no ámbito da saúde, o veterinario e o da bioloxía mariña. “A conexión entre ideas e emprendemento é a clave non só para o crecemento de Galicia, senón para un verdadeiro cambio na nosa cultura, na nosa visión do mundo. E esa conexión só é posible cunha ponte: o risco. O verdadeiramente arriscado é non arriscar”, dixo Conde.
Resaltou ademais o apoio do Goberno galego á lonxa de financiamento non só a través do propio impulso á xornada, senón coa participación do fondo XesGalicia, poñendo a disposición das empresas liñas de risco en forma de empréstitos participativos e capital semente. O respaldo financeiro ao sector complétase con iniciativas como a dos contratos-programa asinados con centros tecnolóxicos e de investigación (como as fundacións sanitarias).
Conde resaltou o compromiso da Xunta co sector biotecnolóxico galego, con apoios de 10 millóns de euros nos últimos 4 anos, e destacou unha aposta sen precedentes polo sector coa nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), que mobilizará 1600M€ ata 2020 en proxectos innovadores. “A biotecnoloxía terá aquí un papel moi destacado, esencial no desenvolvemento de sectores estratéxicos para Galicia como o agroalimentario e a saúde,”, resaltou o conselleiro.
A través dos fondos da RIS3, avanzou, Galicia potenciará a biotecnoloxía como ferramenta de apoio ao desenvolvemento de produtos e servizos biotecnolóxicos que produzan alimentos de alto valor engadido. Aplicará ademais a biotecnoloxía á cadea monte-industria; desenvolverá produtos biotecnolóxicos para a medicina e a cosmética; e creará novos biomateriais de orixe mariña, aproveitando os residuos pesqueiros.
“Apostaremos pola biotecnoloxía como nunca antes se fixera en Galicia, e farémolo cun apoio financeiro de primeira orde para poñer a innovación ao servizo do futuro desta terra”, concluíu.
(Fonte: Consellería de Economía)