Ver o futuro en clave industria 4.0 foi un dos retos destacados polo conselleiro ante a trintena de empresarios que se deron cita no Parque Tecnolóxico de Galicia para participar neste encontro de aforo reducido, co obxectivo de facilitar o debate. Conde asegurou que a competitividade está na innovación e tamén en pensar en global. “Unha empresa en Tailandia pode estar deseñando un produto que en cuestión de horas sairá impreso aquí mesmo en 3D”, citou como exemplo.
Centrado nas fórmulas que a Xunta está a promover para impulsar a competitividade empresarial con base na innovación, o conselleiro afirmou que é imprescindible a colaboración público-privada, incidindo en que é necesario incrementar o gasto empresarial en innovación.
A innovación aberta, a través dun modelo cooperativo entre empresas e entre empresas e centros tecnolóxicos e de investigación, é outro dos eixes citados por Conde. “Por exemplo, o coche autónomo de Citroen ten o seu xerme no CTAG, a través dun proxecto FEDER-Innterconecta. Do mesmo xeito, Citroen quere desenvolver o seu modelo de fábrica 4.0 na factoría de Vigo e vaino facer en colaboración co CTAG. A innovación cara adentro rematou e o papel da Xunta é impulsar este novo modelo de innovación aberta”, expuxo.
Neste mesmo ámbito, citou as unidades mixtas promovidas pola Xunta para atraer grandes empresas que colaboren con centros de coñecemento galegos e a Civil UAVs Initiative, que está a xerar, mediante unha iniciativa inédita en España, un polo tecnolóxico arredor da tecnoloxía dos sistemas aéreos non tripulados para aplicacións civís.
Sobre o ámbito do emprego, destacou as inminentes axudas públicas para aquelas empresas que formen un mínimo de 50 traballadores con compromiso de contratación. “A Xunta pagará o 100% da formación e esta medida diríxese non só ás grandes empresas, senón tamén a pemes que se asocien entre elas”, precisou.
Segundo o conselleiro de Economía, a compra pública innovadora, dirixida a que a administración funcione como cliente lanzador de innovacións que se traducen en melloras na prestación dos servizos públicos, marcará de xeito indiscutible o futuro. “Hai que ser creativos para lograr que as empresas pequenas, que son a maioría en Galicia, entren nestes procesos competitivos con posibilidades de éxito”, salientou. No caso da Civil UAVs Initiative, asumiuse a necesidade de contar con empresas grandes punteiras, pero pediuse un investimento forte destas multinacionais en Galicia e incentivouse a contratación de pemes e a colaboración con centros de coñecemento galegos.
Cultura da innovación
Despois do almorzo con empresarios, o conselleiro de Economía visitou os participantes no único campamento tecnolóxico de verán que se celebra en Galicia. Os Tecnópole Technological Workshops (T2W) reúnen desde a semana pasada un grupo de 38 rapaces e rapazas de 12 a 18 anos que traballan en proxectos de innovación no marco dun programa de actividades que mestura a aprendizaxe coa diversión.
“O T2W é unha nova oportunidade de trasladarlle a cultura da innovación aos máis novos. O Parque Tecnolóxico é unha referencia neste eido, coas Aulas Tecnópole, a Galiciencia, os talleres de robótica e este campamento de verán”, valorou Conde.
Durante o percorrido, puido coñecer proxectos como a aplicación móbil creada por dous rapaces de 13 anos para compartir ideas ou un órgano de música desenvolvido con cubetas de auga e electrodos.