Galiciencia é a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- desde o ano 2006. Busca achegar a ciencia á sociedade, en particular aos estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía, Industria e Innovación e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación. Esta 18ª edición celebrarase no mes de maio, co lema “Aeronáutica e Aeroespacial”.
Ademais do concurso de proxectos, convócase un concurso de fotografía a través de Instagram. Este certame está aberto a todo o alumnado e profesorado de Secundaria, Bacharelato e FP dos centros educativos de toda España. Partindo dun enfoque libre e aberto, as fotografías deben ter como punto de referencia calquera obxecto ou contorna relacionada coa temática desta edición da feira, “Aeronáutica e Aeroespacial”. O prazo para presentalas remata o vindeiro 24 de abril.
Todos os que desexen participar neste concurso deberán seguir o Instagram de Galiciencia. Terán que subir as súas fotografías a través desta rede social, etiquetando a Galiciencia co hastag #concursogalicienciaonline2023. Cómpre ademais indicar o título de cada instantánea, así como o centro educativo ao que pertence cada participante.
Cada persoa poderá presentar un máximo de tres fotografías. As instantáneas poden ser tanto en branco e negro como en cor. Os participantes deberán ser os/as autores/as das obras presentadas. Un xurado de expertos decidirá a proposta gañadora. A resolución farase pública o 12 de maio, durante o acto de entrega de premios de Galiciencia 2023. Máis información: www.galiciencia.com
Fonte: Tecnópole