O concurso de fotografía a través de Instagram que promove Galiciencia está aberto a alumnado e profesorado de Secundaria, Bacharelato e FP de toda España

O 15 de abril remata o prazo para presentar as imaxes, que deberán centrarse na temática desta edición da feira, “Mellor, de Madeira”

Galiciencia é a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- desde o ano 2006. Busca achegar a ciencia á sociedade, en particular ao estudantado de Primaria, Educación Especial, Secundaria, FP e Bacharelato. Desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía, Industria e Innovación e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Esta 19ª edición celebrarase no mes de maio, co lema “Mellor, de Madeira”.

Ademais do concurso de proxectos, convócase un concurso de fotografía a través de Instagram. Este certame está aberto a todo o alumnado e profesorado de Secundaria, Bacharelato e FP dos centros educativos de toda España. Partindo dun enfoque libre, as fotografías deben ter como punto de referencia calquera obxecto ou contorna relacionada coa temática desta edición da feira, “Mellor, de Madeira”. O prazo para presentalas remata o vindeiro 15 de abril.

Todos os que desexen participar neste concurso deberán seguir o Instagram de Tecnópole Divulga. Terán que subir as súas fotografías a través desta rede social, etiquetando a Galiciencia co hastag #concursogalicienciaonline2024. Cómpre ademais indicar o título de cada instantánea, así como o centro educativo ao que pertence cada participante.

Cada persoa poderá presentar ata un máximo de tres fotografías. As instantáneas poden ser tanto en branco e negro como en cor. Os participantes deberán ser os autores das obras presentadas.

Un xurado de expertos decidirá a proposta gañadora. A resolución farase pública o 12 de maio, durante o acto de entrega de premios de Galiciencia 2024.

Máis información: www.galiciencia.com