Xa non son tan caros. Cada vez hai máis modelos, e máis puntos de recarga, e son os únicos que tiveron axudas á compra este ano. Non hai máis que ver as cifras de evolución das vendas para comprender que, se hai oferta e o prezo é razoable, a motorización eléctrica é a aposta de futuro.
E iso é o que está a acontecer en España, e especialmente en Galicia, que xa é a cuarta comunidade onde máis creceu a demanda de vehículos híbridos (metade combustión, metade eléctricos) ata experimentar un repunte histórico no que vai de ano.
Segundo os datos de Faconauto, a patronal española dos fabricantes de coches, no que vai do 2017 (entre xaneiro e agosto) en Galicia matriculáronse 1478 turismos ou todoterreos de motorización híbrida, un 85,2% máis que no mesmo período do ano pasado.
Faconauto explica que este despegue experimentado en Galicia é boa mostra dunha tendencia do mercado que se constata a nivel nacional, pero tamén en toda Europa. “Porque hai cada vez máis mentalidade ecoloxista, pero tamén máis oferta”, di.
En materia de híbridos, Toyota é líder no mercado galego cos seus modelos Auris, C-HR e RAV 4, seguida de Kia, co modelo Niro. Tamén o vehículo cen por cento eléctrico acelera no mercado español, e máis aínda no galego, onde no que vai de ano as vendas se incrementaron case un 64,2% (39 unidades matriculadas). Neste segmento, o modelo máis vendido foi o Renault Zoe, seguido polo Nissan Leaf.
Faconauto constata que as vendas de coches diésel se seguen resentindo en Galicia. Así, entre xaneiro e agosto, as matriculacións de coches a gasóleo caeron un 7% respecto ao mesmo período do ano pasado, con 16.612 unidades matriculadas.
(Fonte: La Voz de Galicia)