O coche eléctrico salta ao mercado sen rede: faltan cargadores públicos

O coche eléctrico pide máis enchufes públicos e rápidos en toda España, e en especial en Galicia. É certo que, tanto por prezo como por autonomía e prestacións, os condutores seguen a apostar maioritariamente polos motores de combustión. Pero as estatísticas de vendas amosan que os automóbiles alternativos son os que teñen un maior percorrido no mercado, porque son os que reciben máis axudas á compra, porque non tributan e porque, ademais, son a única posibilidade de que os construtores de vehículos cumpran coas normas comunitarias que limitan as emisións de CO2 dos coches que fabrican para non ter que afrontar sancións millonarias.

O pasado ano en Galicia matriculáronse 927 unidades cento por cento eléctricas. Non parecen moitas, pero o aumento deste mercado é dun 212 % respecto ao mesmo período do ano anterior; e en total comercializáronse até novembro 5.180 híbridos enchufables na comunidade. O coche eléctrico segue a ser caro e carece dunha rede pública de puntos de recarga o suficientemente extensa para garantir un avance convincente no mercado español, un dos máis atrasados de Europa en electrificación.

A transición cara a unha economía baixa en carbono e cara á electromovilidade non é un capricho. Preséntase como un desafío industrial e ambiental que debe implicar a «fabricantes, provedores, consumidores e ao sector público». É unha das conclusións do estudo Hacia una automoción baja en carbono. Desafíos y oportunidades para la inversión sostenible, elaborado por Esade e a Fundación Caja de Ingenieros. O informe sinala ao transporte como o responsable do 26 % das emisións totais de gases de efecto invernadoiro (principalmente de CO2) e atribúe ao coche o 63 % desta toxicidade.

Fonte: La Voz de Galicia