O Clúster da Madeira asegura que é «un sector á alza»

O Clúster da Madeira e Deseño de Galicia asegura que «o sector da madeira é un sector en alza», que se viu favorecido por cambios recentes. Por un lado, o xerente da entidade, Ricardo González, asevera que o sector se viu favorecido polas tendencias de consumo mundiais que apuntan cara a un consumidor máis responsable, «cada vez máis informado e concienciado coa sustentabilidade, o impacto ambiental, o respecto pola natureza, o cambio climático e a saúde».

E, por outro lado, González pon en valor a creación de novos produtos derivados de madeira «que xa se están a desenvolver para dar resposta a este clamor global que nos demanda a sociedade». Segundo di, o sector da madeira «está a dar resposta á transformación dunha economía baseada en produtos derivados do petróleo» por outra apoiada en «produtos de base biolóxica, renovables, reutilizables e facilmente reciclables, que non supoñan un residuo para as xeracións futuras».

Previsións de futuro

O xerente do Clúster advirte que «os custos da enerxía desaforados están a lastrar as contas de resultados de toda a actividade económica», e que a volatilidade no prezo das materias primas «dificulta calquera exercicio de planificación e control de custos». Tamén no sector da madeira.

«Fronte a estas ameazas, a industria de transformación da madeira é un sector industrial moi maduro e altamente diversificado, que saberá adaptarse ás dificultades e que seguirá xerando valor con novos produtos e solucións que han de dar resposta á nova bioeconomía. A construción industrializada en madeira, as fibras téxtiles de orixe forestal, mesmo os compoñentes das novas baterías xa se realizan con madeira ou derivados. O futuro, aínda que é difícil de prever, si podemos contribuír a deseñalo».

Fonte: Diario de Pontevedra