O CITI viu nacer 25 proxectos de I+D+i en catro anos

O Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI) de Ourense naceu no ano 2005, creado pola Universidade de Vigo en colaboración coa Xunta. O seu obxectivo era potenciar o desenvolvemento en I+D+i nas empresas, así como promover a unión entre industria e universidade. Segundo os datos que rexistra o centro ourensán, nos últimos catro anos, un total de 25 empresas, organismos públicos e grupos de investigación (nacionais e internacionais) usaron as súas instalacións, o que supuxo unha facturación por servizos duns 11.000 euros de media anual.

Situado no Parque Tecnolóxico de Galicia, o CITI conta con catro módulos e unha nave. «É un centro de servizos á comunidade científica e ás empresas que queren realizar determinados procesos demostrativos de produción», afirma o seu director, Javier Rodeiro. O centro aposta pola innovación científica, pero tamén pola tecnolóxica. Para iso conta cun amplo servizo de impresión 3D que acaba de ampliarse cunha máquina que permite mesturar filamentos para que os usuarios cren o material concreto co que imprimir. «Os modelos sempre responden a unha utilidade, o que ocorre é que ás veces esas pezas teñen que cumprir unhas propiedades concretas para que sirvan e para iso necesítase que estean realizadas dun determinado material», explica Javier Rodeiro, director do centro.

«Normalmente utilizamos plásticos. Grazas a este avance podemos facer composites, mesturalos con fibras celulósicas, que é un material biodegradable, e polos a proba. Cos filamentos resultantes levamos a cabo experimentos para ver as súas novas propiedades e desta maneira comprobar para que usos sería adecuado. Desta forma comprobamos moito máis rápido se o material cumpre os requisitos de forza, elasticidade, presión ou porosidadw, entre moitos outros, que necesitamos para o noso proxecto», afirma Carlos Vila, investigador do grupo Biomasa e Desenvolvemento Sustentable, do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo.

Ese material resultante emprégase logo na realización dun prototipo que no centro ourensán pode obterse de dúas maneiras: por impresión 3D ou por inxección. «Esta é unha máquina á que lle metes un molde no que inxectas o plástico e sacas a peza», explica Rodeiro. «Son dúas formas diferentes de fabricar. A inxección permite facer miles de pezas exactamente iguais a un prezo moi baixo», engade Vila. Esta opción foi a que utilizaron para levar a cabo un proxecto da Universidade de Braga co Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, no que querían atopar un material idóneo para a realización dunhas pezas para coches.

Fonte: La Voz de Galicia