En concreto, ese proxecto estará emprazado no Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia, CIS Madeira, situado na Tecnópole. Esas instalacións serán a sede do novo coworking que porá en marcha a Xunta de Galicia, e que estará especializado no sector forestal.
Tal e como destacou Conde, “o CIS Madeira será o motor para impulsar novos proxectos neste ámbito, no que os empresarios máis novos xogarán tamén un papel decisivo”. De acordo coas previsións que se manexan, en xullo lanzarase a primeira convocatoria co obxectivo de que no mes de setembro arrinque a aceleradora, da que formarán parte dezaseis proxectos que a administración galega tutelará.
O anuncio do conselleiro de Economía realizouse no transcurso dun dos almorzos de negocios que periodicamente organiza a Asociación de Novos Empresarios de Ourense, AJE. A iniciativa que nuns meses arrincará na Tecnópole forma parte da rede de aceleradoras coas que a administración galega pretende impulsar a innovación empresarial e que nos últimos anos mobilizou catorce millóns de euros. Conde destacou onte que o CIS Madeira súmase a “outro2 seis espazos coworking que a Xunta organiza en diversos concellos, entre eles Celanova, onde xa se está desenvolvendo con 22 proxectos e un total de 35 emprendedores”.
Agrobiotech
Así mesmo, o titular de Economía adiantou que dous proxectos da provincia de Ourense se atopan entre os dez que foron seleccionados para participar na segunda edición do programa Agrobiotech, outra aceleradora con sede no Parque Tecnolóxico de Galicia que ten por obxectivo apoiar ás pequenas e medianas empresas innovadoras da comunidade autónoma dos sectores biotecnolóxico, agroalimentario e da biomasa.