A Xunta de Galicia, Adolfo Domínguez e Meifus Industrial colaboran para a fabricación de 15.000 pantallas protectoras fronte ao COVID-19, mediante a reciclaxe de perchas de madeira. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo unha videoconferencia con membros do CIS-Madeira e das compañías Adolfo Domínguez e Meifus Industrial, localizada en Mos (Pontevedra), así como co Polo de Innovación en Enxeñaría de Polímeros de Portugal para abordar este proxecto.
A iniciativa nace a partir dun plan de economía circular que xa estaba a ser desenvolto pola Axencia Galega de Industria Forestal (Xera), o Polo de Innovación en Enxeñaría de Polímeros da Universidade de Minho -Portugal- e Adolfo Domínguez. Para o proxecto empregaranse máis de 10.000 perchas de madeira que están obsoletas e que cede Adolfo Domínguez ao CIS-Madeira. Agora trituraranse e mesturaranse con propileno (plástico). Dese material fabricaranse, coa colaboración da empresa Meifus Industrial, as viseiras protectoras homologadas de acordo aos criterios do Ministerio de Sanidade. O material cedido vai permitir fabricar 15.000 pantallas protectoras, que se doarán ao Sergas e a entidades sociais.
O conselleiro destacou que se trata dunha alianza estratéxica entre centros de innovación, empresas e Administración para dar resposta á crise sanitaria; e un exemplo de economía circular e de I+D+i solidaria que amosa como coa valorización de recursos naturais se pode obter un produto de alto valor engadido.
Fonte: Tecnópole